Para recibir no email as novidades... poñer o @ debaixo... e ... submit

11/21/2011

Novo pema de Pedro J. Rovira

Levaba un tempo coa musa dormida, aí van novos versos seus dedicados á súa promoción do 56 (total dez aniños máis ca nós)
A GLORIOSA DO 56


Co pelo cano,
enrugas na faciana,
camiñar tardo e ollos expectantes
unha vez máis se achegan os gloriosos.

A vida abaixoulles pasadas altivezas,
pero aínda manteñen un halo de grandeza,
sorriso aberto e xuvenil ledicia,
pois seguen a aniñar o neno que non foron.

Hai quen xa se rendeu e deuse por vencido,
canso de ser pola vida maltratado,
mais os gloriosos non. Seguen loitando.
Deben seguir, rompéndose por dentro,
o camiño que trazou o seu porvir.

Para quen se retirou da dura loita
a nosa man tendida.
Mais nunca, endexamais, amén, a nosa comprensión.
Comprender e compartir,
e non podemos, pois iso suporía a nosa fin.

Un fillo da dolor daqueles anos duros
non pode sucumbir.
Cos dentes apertados, se fai falla,
pero seguir, seguir, seguir,
rosmando sempre, sen cesar: Eu sigo sendo
o mesmo que antes fun,
sen importar o que digan por dicir.

Se resisto albiscarei a luz, aló ao fondo,
coma feble luceciña dun candil,
pero unha luz que a sentirei moi preto,
coma se fose a conciencia que hai en min.

Só ela será quen de liberarme
desta anguria sen sentido que é vivir.
Esa luz entregáronnola un día,
nos anos duros, si.
É a herdanza por tantos sufrimentos!

Quen a apagou, xa non lle queda nin ren por recibir.
Pero quen a conservou acesa nas penurias
que a vida lle foi pondo aquí e alí,
será quen de aceptar, sen anoxarse,
o bo e o malo que lle tocou vivir.

Pedro J. Rovira Magariños