Para recibir no email as novidades... poñer o @ debaixo... e ... submit

11/27/2011

Seguen as colaboracións de Pedro J. Rovira

Conta Pedro: ante os correos recibidos de moitos amigos, preocupados por saber como ía saír desta maravalla mental na que me tiña metido, quérolles dicir que estean tranquilos, que xa atopei a solución aos meus desacougos. Graciñas.

REFLEXIÓNS DENDE A PALLEIRA  II… CON FINAL FELIZ:

Agora que o imperativo categórico da idade xa me fixera case que bo …!
Agora que xa estaba a punto de poder dicir o de “bonum certamen certavi, …!
Agora que ata don Celestino me tería prometido o Paraíso…!
Pero está visto que nesta … vida non cabe a felicidade completa. Sempre ten que atoparse un co texto máis impertinente e no momento menos adecuado!
Denuncio enerxicamente a necidade de quen ata chegou a ter sona por dicir que a relixión era o opio do pobo. Non é o opio, é o “pepiño grilo” (non necesariamente branco) enfastiante que alguén por riba de nós ideou para amolarnos.
Ata agora eu tiña acalmado as miñas afogadas (nunca mellor dito) inquedanzas nos rezos autoxustificantes que os meus pais e a Santa Nai Igrexa me tiñan ensinado. Pero a adversidade, disfrazada nesta ocasión de “puñeteiro” insomnio, levoume a meditar sobre ese, para min, inmisericorde e posiblemente pouco meditado, imperativo de Cristo de “quen teña dúas túnicas…”
Porque, pregunteime, inocente de min: E se cambiamos (na eséxese cristiá teño visto tantos cambios!):
- “túnicas” por pisos?
- “túnicas” por coches?
- “túnicas” por soldos n veces superiores ao soldo do meu veciño (non digamos dun paria estranxeiro)?
- “túnicas” por prestixio?
- “túnicas” por prebendas?
- “túnicas” por agarimo?
- “túnicas” por esperanza?
- “túnicas” por …, por …, por …?
Dado o meu estado de abafo, decidín consultar cun paisano meu, teólogo autodidacta, cun sobresaínte expediente nocturno-tasqueiro e cun nome moi adecuado ás circunstancias, Nicodemo (eu chámolle “Nincodemo”). Pois ben, este bo amigo escoitou a miña coita con moita atención e tras quedar un intre pensativo, botou un prolongado grolo dun mencía da Ribeira Sacra, e díxome parsimoniosamente:
“Case que seguro que cando Cristo pronunciou esas inoportunas verbas referíase só a iso, ás túnicas, nin máis nin menos. –outro grolo. Non vería lóxico, ademais de incómodo, que unha persoa fose cargando con dúas túnicas mentras o seu veciño ía tan ricamente tomando o sol sen ningunha ás costas. Ademais EL sabía que no século XXI ninguén levaría tal tipo de prendas, polo que –pensaría- aquel mandato quedaría sen efecto no futuro, sen necesidade de ningunha apostila. E en caso de que alguén con poucas luces se vise tentado a extrapolar as súas verbas, para algo estaban os pastores de almas que ía nomear para explicarlles as cousas como é debido –outro grolo, que agora tocoume pagar a min.”
Máis tranquilo xa, propúxenme deixarme guiar polo sentido común, como me recomendou o meu bo amigo Afonso, seguir pola senda dos beneventurados que confían na infinita benevolencia do noso Creador e non lle buscan tres pés ao gato.
E se algo falla, … para algo segue a estar tranquimazín.


REFLEXIÓNS DENDE A PALLEIRA I
Agora que o imperativo categórico da idade xa me fixera case que bo …!
Agora que xa estaba a punto de pór dicir o de “bonum certamen certavi, …!
Agora que ata don Celestino me tería prometido o Paraíso…!
Pero está visto que nesta … vida non cabe a felicidade completa. Sempre ten que atoparse un co texto máis impertinente e no momento menos adecuado!
Denuncio enerxicamente a necidade de quen ata chegou a ter sona por dicir que a relixión era o opio do pobo.
Non é o opio, é o “pepiño grilo” (non necesariamente branco) enfastiante que alguén por riba de nós ideou para amolarnos.
Ata agora eu tiña acalmado as miñas afogadas (nunca mellor dito) inquedanzas nos rezos autoxustificantes que os meus pais e a Santa Nai Igrexa me tiñan ensinado. Pero a adversidade, disfrazada nesta ocasión de “puñeteiro” insomnio, levoume a meditar sobre ese, para min, inmisericorde e posiblemente pouco meditado, imperativo de Cristo de “quen teña dúas túnicas…”
Porque, pregunteime, inocente de min: E se cambiamos (na eséxese cristiá teño visto tantos cambios!):
- “túnicas” por pisos?
- “túnicas” por coches?
- “túnicas” por soldos n veces superior ao soldo do meu veciño (non digamos dun paria estranxeiro)?
- “túnicas” por prestixio?
- “túnicas” por dor?
- “túnicas” por agarimo?
- “túnicas” por esperanza?
- “túnicas” por …, por …, por …?
Vou escribir estas parvadas antes de que o “sentido común” que me recomendaba o meu bo amigo Alfonso me obrigue a eliminalas e volver ao bo sendeiro daqueles benaventurados que confían na infinita benevolencia do noso Creador.
Acaso o tranquimazín non é tamén algo que nos vén de Deus?
Para os que están fodidos .. Deus proverá!
Pedro J. Rovira