Hai moita xente á que lle fai graza que alguén nesta época tan avanzada siga falando de cousas que hoxe resultan, segundo a opinión cada vez máis xeneralizada, tan desfasadas.
Sen ser un estudoso de temas sociolóxicos, sempre me preguntei o porqué dese cambio radical na mentalidade, non só dos urbanitas do país, senón tamén das persoas que viven nos lugares máis remotos da nosa xeografía, fronte ao feito relixioso, que non hai moito era pouco menos que o enésimo Principio Fundamental do Movemento.
Que cambiou?: O dogma? Non. Segue a ser basicamente o mesmo. O nivel cultural da xente? Aínda menos. Os que levamos case que medio século no ensino podemos dar fe diso. Entón, por que o que se aceptaba cegamente hai non moitos anos hoxe é considerado coma restos dun pasado case que prehistórico?
Dende posicións ultramontanas da Igrexa a resposta está meridianamente clara. Non lle chaman así, pero seguen a pensar nun inimigo secular dirixido dende instancias xudeo-masónicas que dictan os designios de gobernos sicarios coma o de X.L. … “ aos teus zapatos”.
Pero os que, dende posicións moi críticas coa xerarquía eclesiástica, e connosco mesmos, seguimos a amar esa Igrexa, non podemos conformarnos con interpretacións tan simplistas.
Aquí algo falla. E como a esencia da nosa fe sabemos que non é, debemos averiguar honestamente onde está a perda de credibilidade dunha mensaxe que en si mesma debería ser aceptada, ou polo menos respectada, por todas as persoas humanas (valla o que a simple vista parece unha redundancia).
Porque, se eu intento levar o Evanxeo a outra persoa, que espero que esta capte? Só a mensaxe que lle transmito, ou máis ben o meu testemuño desa fe que polo seu ben suponse que intento inculcarlle?
Se ese alguén quedou sen traballo e a súa familia non ten ren que levarse á boca, como lle explico celebracións coma o “JMJ” e os seus fastos –non falo eu, fala ese alguén-, a magnificencia do Vaticano –segue a falar el-, o tren de vida que leva quen lle leva esa mensaxe liberadora do seu corpo e da súa alma –agora mírame a min.
Penso que para chegar a unha resposta válida a tantos interrogantes debemos comezar por meditar seriamente se é viable no mundo de hoxe unha mensaxe que vai contra corrente da evolución da sociedade actual. Aceptámola nos termos que antes criamos intocables, ou aceptamos que é imprescindible a súa adecuación aos tempos que corren?
Se cremos que é unha mensaxe válida en todos os seus termos, recoñezamos que aquí cristián, cristián, nin Cristo –refíromo ao seu representamnte na Terra.
Se polo contrario, chegamos á conclusión que a vontade do seu Fundador era que en cada época os seus lexítimos representantes tivesen a potestade de adaptar esa mensaxe ás circunstancias de cada momento, fágase, pero fágase honestamente. Se deixa de ser pecado masacrar ao obreiro, deixe tamén de ser pecado darlle gusto ao corpo ou desexar a impoñente veciña do terceiro.
Pedro J. Rovira

0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada