Para recibir no email as novidades... poñer o @ debaixo... e ... submit

1/29/2012

Definicións (pseudo) de Pedro J. Rovira

PILDORIÑAS FILOLÓXICAS:
Despois dun profundo estudo da etimoloxía das palabras do léxico galego o profesor Pedro J. R. Magariños (recolledor de margaridas) vén de propór á Real Academia profundos cambios neste campo para subsanar graves erros que se veñen cometendo nas sucesivas edicións do seu dicionario.
Como exemplo recolle as seguintes posibles correcións:

Acona (do grego con-á, e non do latín cunnum coma se viña crendo), no canto do vulgarismo cona. Algúns estudosos do tema venlle relación co tamén étimo grego coin-é (lingua), pero o termo econe resultaría moi forzado no galego.

Balteiro, no canto de cacique (do taíno cacique), pois este termo entre os amerindios tiña un significado moi diferente ao que agora se lle dá, polo que, neste caso, é preferible mandar a etimoloxía ao charáculo e empregar, por antonomasia, o termo proposto.

Berrecha (termo etimolóxicamente orfo), no canto de perrecha. A abertura do b parece moito máis axeitada para este termo que o emprego dun  p fechado.

Charáculo (do latín characulum, pau), no canto de carallo. Porén o autor desta proposta é consciente do imposible de alterar este termo comodín, pois a mesma palabra o expresa: como-dín todos.

Colín / colón (do latín coleone), segundo sexa de neno ou de adulto, deixando a voz patrimonial collón para as demais acepcións do termo. Deste xeito as mulleres poderían falar na perruquería sen se violentar de que o seu fillo vaise operar dunha hernia de colín e o seu home doutra de colón.

Mantubarse (do gaélico man e tubo), no canto de masturbarse, termo de etimoloxía incerta, posiblemente tirada dunha tribo bosquimana (do tagalo bosqui e man) na que este termo era moi empregado por mor do aburrido da vida no bosque.

Consciente do moito traballo que teñen os académicos en prepararen unha nova edición do dicionario idéntica á anterior, o autor destas propostas rógalles que teñan a ben ir introducindo  estas seis e promételles remitirlles en breve outras cantas.

Pedro J. R. Magariños