
Con humor, que pedimos emprestado á excelente revista publicada en Pontevedra Retranca desexamos a todos os seguidores deste blog unhas boas festas. Que empece ben o ano xacobeo e que haxa moita saúde!!!

Que pena que ningún de nós chegara a canónigo! Se todos os que empezamos en primeiro chegaramos a curas podiamos levar unha diócese nós sós, con bispo, cóengos, arciprestes, vicarios e todo tipo de cargos. Pero nada, o único cura que temos non parece querer facer carreira na curia diocesá. Así que nos teremos que conformar cos canónigos da ensalada.
Esta foto de Pablo neno co cárcere e o seminario ao fondo sérvenos para enmarcar unhas preciosas palabras sobre Lugo que lemos nun libro de Carlos G. Reigosa (Xentiario) que acaba de saír:



Pablo Vidal envíanos unhas fotos moi bonitas de Lugo alá polo 1973. E tamén outra dunha visita do noso bispo a San Clodio. Don Antonio Ona de Echave, aquel navarro que aburría ata as ovellas cos seus predicotes. Unha vez que foi de visita a un lugar de Carballedo (e presidiu un xantar homenaxe a un crego) un patrón, moi relixioxo el, saíu queixándose: vou farto de tanto rezar. Como fartos quedamos moitos nalgunhas misas da Catedral cando predicaba su Ilustrísima don Antonio Ona de Echave. A verdade é que tampouco atendiamos moito. Graciñas de novo, Pablo!
Graciñas a Pablo Vidal González por nos enviar fotos da súa promoción de dous anos antes ca nós. Como eran dous anos máis vellos sempre servían de exemplo. Eran boa xente e non nos embarcaban as vinchas aos Maristas cando chegamos de pitos. Máis aínda porque algúns tiñamos recomendación cos dese curso por ter un irmán, Bernardino. Moitos anos despois coincidín no traballo tamén con Sucasas. A verdade é que pouco máis vellos estades ca nós... ou case igual de novos. Pablo tamén promete algunhas fotos antigas.
Emilio Alonso presentou hoxe en Vigo Mercurio. E alá foi este ex-seminarista convidado polo autor a quen coñecía grazas a este blog. Falou moi ben Emilio e contounos un conto dun chinés que era porteiro dun prostíbulo e non sabía ler nin escribir. Logo chegou a rico comerciante e moitas cousas máis.
Velaquí unha foto de foto de 1967, enviada polo blogueiro exseminarista Jesus V. Pereira (o noso embaixador no Brasil que nos manda foto e información). Cando a sotana aínda era como unha segunda pel. Que aconteceu aí? Milagre? Non, a foto foi tirada nun cursiño de cristiandade e para acompañar o espírito moderno que pregaban, permitiran arrancar a segunda pel, a sotana. Bo, pero o máis significativo desa foto é ver como xa naqueles tempos de Don Antonio Ona de Echave, os seminaristas estaban ollando para o futuro e xa cultivaban a ecoloxía: só basta ver a Don Jaime Delgado protexendo a "vaquilla".
Este grupo de rapaces daquela nin sabían que xa se celebraba o Día das Letras Galegas, meus pobres! Mais cumpriron co idioma coma campións, falaban galego entre eles, só cando estaba diante o cura nas clases se pasaban ao castelán. Non lles facía falta Día das letras, xa o celebraban todo o ano. De que ano é a foto? Estaba xa ben medrado o famoso pelo de Celeiro? Por que está Viana no alto?
Interesante libro o que presentou Narciso en Pontevedra: a historia de dúas mulleres que casaron alá polo ano 1901 (Elisa e Marcela. Alén dos homes. Ed. Nigratea). Na presentación estivemos todos un pouco presentes porque lembrou que coincidira con algún dos aistentes no Seminario de Lugo onde tanta xente empezara a estudar despois de deixar as escolas. E precisamente de escolas debe ser Narciso quen máis sabe porque leva moito tempo estudándoas con excelentes resultados. Saúdos para este ex-seminarista que agora é o Decano dunha Facultade da Universidade da Coruña.
O noso compañeiro Pucheiro acaba de sacar á rúa unha nova novela. Os protagonistas son un neno labrego que vai á escola e bota as vacas (coma moitos de nós) e unha mociña un pouco máis gaiota. Entre os dous van ir descubrindo o amor e a sexualidade aínda que un tal cura das Casas non estea moito polo labor. Nos capítulos impares conta a historia o rapaz. Nos pares a rapariga repite o mesmo desde a súa óptica. Lese nun plis plas porque son só 152 páxinas de letra grande.
Os bicos de Tina, Alfonso Eiré, A Nosa Terra, 2009

A miña amiga Tareixa envíame esta foto de como era o Seminario no que nós vivimos. Este e moitos outros edificios emblemáticos da cidade despareceron e no seu lugar están arestora pisos e máis pisos: o Gran Teatro... E agora seica ata perigan as costas que hai xunto ao Parque no que tantas horas botabamos os seminaristas mirando (os que eramos de Chantada, Taboada, Carballedo...) a estrada que levaba ás nosas casas. Alguén lembra para que servía esa porta de ferro? Eu nunca a vin aberta.
Pouco nos faltou, serían 2 anos?, para termos que participar nesta cerimonia na que o señor bispo impoñía a sotana. Alí ían os seminaristas acompañados das súas mamás que facían de madriñas. Velaquí temos a un dous anos maior ca nós, meu irmán Bernardino, de xeonllos diante de Don Antonio Ona de Echave. Eles pronto deixaron xa de levar sotana. Tiveron sorte.
Só foron tres os que quedaron no noso curso despois da última espantada ao acabar COU. E menos mal que un dos tres mantivo a representación do curso na orde sacerdotal. Pois os que chegaron adiante e os que aínda lles gusta a filosofía ou a teoloxía poden gozar cunha novela ambientada no Seminario de Ourense, na época actual e nos últimos cursos antes de recibir as ordes sacerdotais. O título é Conexión Tubinga, o autor Alberto Canal, a editorial Xerais, e está do trinque, acaba de ser publicada. Nestas festas de Reis que a merquen ou atopen quen llela regale. Seguro que a van ler toda seguida; hai intriga, filosofía, curas, bispos, teólogos... (e ata algunha moza?). (Blog do autor)