1/30/2008

Aquel corte de pelo!

Así era a moda en 1972. Arestora estas testas están ben cambiadas e algunhas son moi fáciles de peitear. Estas caras tiñan pinta de comerse o mundo, semellan mirar o futuro con seriedade e con ilusión. Hoxe os fillos da maioría xa son máis vellos ca eles cando a foto. E a natureza que aparece de fondo... será a da horta do Maior?

1/27/2008

Exercicios espirituais


O mellor dos exercicios espirituais era cando un collía unha pedriña e a ía levando a patadiñas ata o outro extremo do campo do Menor, daba a volta e seguía... Porque duraban moito (3?, 4? días). O primeiro día a cousa estaba suave, o segundo xa lle atacaban co inferno e a condenación eterna. Menos mal que o último día xa era a salvación e o perdón, e todos contentos e felices. O problema é que se suspendía todo: clases, recreos, competicións. E que desde o comezo ao final en todos eses días non se podía falar en ningures (campos, corredores, comedor), todo era predicación e meditación... menos mal que quedaban as pedriñas... Por que tería que inventalos S. Ignacio de Loyola?

1/23/2008

Campos de fútbol

No Menor os balóns escapaban aos Maristas. E no Maior? Vaia campos! Estaba o regulamentario, grande, que se utilizaba só nos acontecementos. A diario dividíase en varios. Había dous campos pequenos que atravesaban o grande. E había o campo da nogueira... o ano pasado aínda estaba a nogueira no mesmo sitio. E había o campo da Feira. Polo que os balóns tamén se escapaban ao campo da feira (hoxe estación de autobuses) e algunha vez ata algún voaba por enriba dos muros do cárcere (o de fóra o dos presos). Estabamos ben rodeados! E hoxe chega un a Lugo e que mellor sitio para aparcar o coche que o Seminario, si, alí mesmo onde estaban os campos...

1/17/2008

A súa maxestade o balón

Se querías ser alguén tiñas que xogar ben. A popularidade estaba en relación directa co ben que lle dabas á pelota. E sobre todo ao fútbol, que era o rei. Quen non era seguidor dun equipo? E a maioría do Real Madrid que estaba nos seus tempos gloriosos. Por iso faciamos fotos daqueles gloriosos equipos e se algún era torpe de seu ... pois poñiámolo de Miguel Muñoz (adestrador do Madrid) e asunto solucionado! Setguro que este equipiño algo gañou...

1/15/2008

A vincha está no rocho

Saímos de excursión e tiñamos que levar unha vincha. Onde se gardaban as vinchas?, pois no rocho. Quen non sexa de Lugo non sabe o que é un rocho. E quen non estivera no Seminario non sabe que aos balóns lles chamabamos vinchas (como as vexigas dos porcos inchadas e secas). Non primeiros cursos estabamos nós tan felices xogando ao balón e viña un maior, dáballe un patadón e balón aos Maristas!. E aínda por enriba marchaba todo contendo dicindo: embarqueille a vincha ao pito. Que tempos!!!

1/14/2008

O matute

Das comidas que nos daban haberá opinións para todos os gustos. Como cando nos empezaron a poñer salchichas e a maioría nin as probaba, dicíase que eran carniza, e había algún que lle metía as del e as dos amigos. Por iso algúns recibían da casa o matute, que suplía as carencias do comedor. Canto chourizo, xamón, chocolate, latas... se papou ás escondidas! Como gozou algún seminarista comendo chourizo no water o día de venres santo!!!! Que ben sabía o matute!!
Aquí se pode ver o ben provistos que iamos cando se facía algunha excursión...

1/12/2008

A cascarillla


E el que sería aquela cascarilla? Cal sería a fómula máxica que nos daba forzas para toda a mañá? Segundo algún era cacao con leite e mesmo había quen dicía que un só bidón de leite chegaba para o almorzo de todo o Seminario... vaia oh! Quen non se lembra das cascarilleiras, tan cómodas para verter o líquido nas tazas.

Di a prensa que hoxe os da TVG presentaron unha serie televisiva nun Seminario en Santiago, pena que non fose o de Lugo...

1/08/2008

Xa somos unha novela

A ver cantos cursos do Seminario poden fachendear de seren unha novela!!! Pois nós si. Como é unha novela... todo o que se conta pode ser inspirado na realidade... ou pode ser inventado... ou pode ser unha mestura dos dous. Calquera de nós que lea a novela de Alfonso Eiré terá a súa opinión. A novela é de 1998. O que si e é certo é que acertou de pleno no título... que algúns dos que convivimos aqueles anos seremos amigos sempre.

Ah, só recolle os primeiros anos do curso e non os últimos que foron tan intensos para os que chegaron ata 6º ou COU.

Number one

Hoxe o noso number one, o noso número un, o padriño da promoción pode ser por aclamación Jaime Álvarez. Todos os anos vén puntual á xuntanza e mesmo nos convoca moitas veces por carta. E alí co seu don de xentes reparte alegría e abrazos (o mesmo que o seu acompañante Pedro, que por certo era mellor porteiro ca Casillas). Pero, claro, hai que ter en conta que vén todos os anos desde Miami... que non queda ao lado de Rábade precisamente...

1/06/2008

O mellor cura da diocese


Só saíu un cura, pero non é un cura calquera, é Don Julio. Seguramente o mellor cura da diocese, polo menos para algúns de nós si o é. El foi o que se molestou en buscar os enderezos para facermos a primeira xuntaza en Samos e organizou todo. Sempre está puntual para as reunións. Este ano regalounos unha lembranza das súas vodas de prata, como pasan os anos!. Grazas Don Julio!

1/05/2008

Produtividade: 1%

Empezamos uns 100 e só un chegou a cura, vaia rendabilidade do investimento! Os superiores e padres espirituais repetían que a vocación era como unha flor que había que regar e coidar a diario. Daquela aínda non se sabía do cambio climático pero Franco xa falaba da pertinaz sequía e, claro, non se regou nada e a xente foi abandonando o Seminario. Seica Seminario ten que ver con sementar e semente e na nosa xeración houbo moita semente pero escasa colleita. Como dicía un no último xantar: home, curas só sacamos un, pero sacamos un montón de boas persoas... algo é algo!

1/03/2008

De 1966 a 2007 (decembro)

Xuntan
Xuntanza anual dos ex-seminaristas en Lugo o primeiro sábado de decembro. Convocados por Jaime desde os EE.UU. Tarde agradable e de moitas conversas, hai que se poñer ao día de todo o ano. Cando se fixo a foto xa marcharan Julio (atender obrigas da parroquia) e Vázquez (atender obrigas do cargo). Moita calva, moito pelo branco... pero as caras cuspidiñas ás de 1966. Ou non?

Foto de grupo no Parque

Por que acabei neste grupo de rapaces? Porque tiven a sorte de que meus pais se sacrificaran para que eu puidese estudar e ter unha vida mellor que a deles. Chegamos de toda a diocese de Lugo, desde a capital ata a aldea máis afastada. Aínda traiamos o recendo do colo materno, a maioría con once anos. Tivemos que pasar un exame de entrada e unha aclimatación no mes de agosto. Os que o superamos volvemos en outubro de 1966. Fomos uns privilexiados porque a maioría dos rapaces da nosa idade non tiña acceso a estudar. Ese foi o consello que me deu meu pai cando me deixou alí: estuda ben.