12/23/2009

Boas festas


Con humor, que pedimos emprestado á excelente revista publicada en Pontevedra Retranca desexamos a todos os seguidores deste blog unhas boas festas. Que empece ben o ano xacobeo e que haxa moita saúde!!!

12/20/2009

Os canónigos

Que pena que ningún de nós chegara a canónigo! Se todos os que empezamos en primeiro chegaramos a curas podiamos levar unha diócese nós sós, con bispo, cóengos, arciprestes, vicarios e todo tipo de cargos. Pero nada, o único cura que temos non parece querer facer carreira na curia diocesá. Así que nos teremos que conformar cos canónigos da ensalada.
Hai por aí unha teoría segundo a cal ás parellas de (ex) seminaristas e (ex) cregos lles gustan moito os canónigos nas ensaladas por aquilo do que teñen na casa. Tamén hai outra que fala de que estes que pasaron polos seminarios tratan sempre moi ben á muller porque alí foron acostumados a ver a muller comparándoa coa Virxe, coa nai... Así que xa o saben as mulleres!!!

12/08/2009

Hostias á man

Todos lembramos dalgún Padre o ben que daba as hostias coa man cando se cabreaba. Os tempos mudaron e agora autorizouse nalgúns países como o noso irmao Portugal un aparello que reparte hostias, nada menos! Vexan como o recolle a prensa lusa:

Máquina distribui hóstias durante a comunhão
2009-12-06
EMÍLIA MONTEIRO
Por causa da gripe A foi criado um novo artefacto religioso: um 'distribuidor de hóstias'. A Conferência Episcopal autoriza os padres portugueses a comprar...

12/05/2009

Hoxe toca xantar e tertulia


Para os qe empezamos en 1966 no Seminario de Lugo, despois de superar o exame de ingreso e o mes de agosto a proba, hoxe toca xantar e conversar longamente en Lugo. Bo proveito para os asistentes e un abrazo para os que non puideron ir!
Que pena non saírmos todos curas e vestirnos así!

11/28/2009

Xentiario, de Carlos G. Reigosa

Esta foto de Pablo neno co cárcere e o seminario ao fondo sérvenos para enmarcar unhas preciosas palabras sobre Lugo que lemos nun libro de Carlos G. Reigosa (Xentiario) que acaba de saír:
Lugo é ese territorio magnífico onde aínda son posibles os soños de todos os seres vivos e onde os entes de ficción poden ser concibidos libremente. As sombras que se estiran polos prados ao caer a tarde teñen vida propia e fálannos dun tempo de xigantes e trasgos que sobrevive na fantasía dos homes e no corazón das fragas.

11/24/2009

XANTAR ANUAL dos seminaristas de 1966


Que esta foto do Lugo (cortesía do ex-seminarista64 Pablo Vidal) que coñecemos de nenos nos sirva para coller ánimos e ganas de xantar xuntos os condiscípulos (así se dicía entre os cregos?) da fornada de 1966.

Todos os outonos esperamos coma se fose unha postal a carta desde USA que nos manda Jaime para convidarnos á comida do primeiro sábado de nadal no Manuel Manuel. Este ano xa chegou e grazas á organización de Jaime, Vicente, Penalonga e Polín, o día 5 á mediodía todos os que poidan que non deixen de pasar alí por onde antes era Frigsa. Pasarán unha boa tarde.

11/23/2009

Outra foto dos de 1964



A promoción de 1964 reúnese en Pontevedra no 2005. Fixo de anfitrión o noso amigo Sucasas, anque había máis compañeiros vivindo e traballando na zona

11/22/2009

Foto de hai anos

Xa hai uns cantos anos -cantos?- que os ex-seminaristas e o Sr. cura volveron á capela do Maior para concelebrar...

11/09/2009

Presentación de Mercurio

Deste libro xa falamos aquí varias veces. Agora preséntase en Lugo, estades convidados todos os lectores do blog de parte de Emilio Alonso:

O IES LUCUS AUGUSTI
e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
comprácense en convidalo/a á presentación do libro:

Mercurio
de Emilio Alonso
Premio La Voz de Galicia 2008

O acto, que contará coa participación de Manuel Bragado
e Emilio Alonso, terá lugar o mércores, 11 de novembro,
ás 20,00 horas no Salón de Actos do IES Lucus Augusti,
Avda Rodríguez Mourelo, s/nº de Lugo.

11/04/2009

Para os do Madrid e os do Barça



Para os que teñen boa memoria, velaquí a alineación do Real Madrid 1964-1965: Araquistain, Betancourt, Isidro, Santamaría, Miera, Muller, Zoco, Amancio, F. Ruiz, Grosso, Puskas, Gento.

E a do Barça, no que xogaba un tal Seminario: Sadurní, Pesudo, Foncho, Olivella, Berges, Garay, Fusté, Zaballa, Pereda, Zaldúa, Seminario, Re.

10/25/2009

Ona de Echave




Pablo Vidal envíanos unhas fotos moi bonitas de Lugo alá polo 1973. E tamén outra dunha visita do noso bispo a San Clodio. Don Antonio Ona de Echave, aquel navarro que aburría ata as ovellas cos seus predicotes. Unha vez que foi de visita a un lugar de Carballedo (e presidiu un xantar homenaxe a un crego) un patrón, moi relixioxo el, saíu queixándose: vou farto de tanto rezar. Como fartos quedamos moitos nalgunhas misas da Catedral cando predicaba su Ilustrísima don Antonio Ona de Echave. A verdade é que tampouco atendiamos moito. Graciñas de novo, Pablo!


10/21/2009

Saúdos á promoción de 1964


Graciñas a Pablo Vidal González por nos enviar fotos da súa promoción de dous anos antes ca nós. Como eran dous anos máis vellos sempre servían de exemplo. Eran boa xente e non nos embarcaban as vinchas aos Maristas cando chegamos de pitos. Máis aínda porque algúns tiñamos recomendación cos dese curso por ter un irmán, Bernardino. Moitos anos despois coincidín no traballo tamén con Sucasas. A verdade é que pouco máis vellos estades ca nós... ou case igual de novos. Pablo tamén promete algunhas fotos antigas.

10/18/2009

Unha lorcha

Cantos castigos sufrimos por falar galego no Seminario! Ben picadas que levou a tarxeta famosa! Por sorte xurdiu o efecto contrario e moitos daqueles estabamos hoxe en Santiago na grandísima manifestación para defender o queremos galego. Falando en Compostela con outro ex-seminarista lugués, Benigno González, lembraba el esa palabra galega que tanto usabamos e que non vén no dicionario Xerais coa nosa acepción: unha lorcha. Lembraba Benigno a frase: dunha lorcha embarquei a vincha do pito aos Maristas (dun patadón mandeille o balón ao novato aos Maristas, tradución para os que tiveron a sorte/desgraza -escoller cadaquén o que queira- de non seren seminaristas). E aínda hai que di calquera tempo pasado foi mellor, será por iso que os nosos gobernantes queren que volvamos a aqueles tempos pasados no noso querido/odiado Seminario???????????
E de onde virá a palabriña? Igual ten que ver con lorcho -zapato grande e desaxeitado-. Alguén sabe se se utilizaba lorchán e que significado tiña?

10/04/2009

Concertos na Horta do Seminario




03/10/2009, 21.00, Concerto de ARRYTHMIA, LASTWAY, FEW DAYS LATER na praza Horta do Seminario. Así comezan as festas do San Froilán este ano. Ben que cambiou aquela horta na que paseabamos e nos fixemos un ano unha morea de fotos. Habería onte algún seminarista da nosa promoción no concerto?

10/01/2009

San Froilán e mazás asadas

Xa chega o San Froilán, cando a xente que ía cara á Feira non collía por esta porta. Era época de empezar os cursos no Seminario. E de visitar o Campo da Feira cheíño de chigres. Un ano, debeu ser por quinto ou sexto, uns cantos (enchufados?) fomos convidados a entrar unha semana antes que o resto. O motivo era axudar a colocar cousas e arranxar cuartos para cando viñeran os demais. Ata lembro que nos diexaran escoller cuarto. O problema era que como estaba Lugo co San Froilán os nosos petos xa estaban baleiros de pesetas o primeiro día do curso, ao acabar esa semana. O mellor eran aquelas mazás asadas que nos daban de sobremesa, aínda lembro o seu recendo!

9/25/2009

Outra vez Mercurio

Emilio Alonso presentou hoxe en Vigo Mercurio. E alá foi este ex-seminarista convidado polo autor a quen coñecía grazas a este blog. Falou moi ben Emilio e contounos un conto dun chinés que era porteiro dun prostíbulo e non sabía ler nin escribir. Logo chegou a rico comerciante e moitas cousas máis.
Dise que o que se herda non se compra. Así resulta neste caso... Emilio Alonso herdou a arte de ben utilizar a palabra de seu pai Xesús Alonso Montero. Varios do noso curso tivemos a sorte de ter a don Xesús de profesor: chegaba, poñía o esquema no encerado (que copiabamos) e logo falaba el e nós escoitabamos, non podiamos copiar, só escoitar. E abríanos novos mundos coas súas palabras, coas de Rosalía e Machado.

Por iso nos agradou saudar o antigo profesor Alonso e escoitar o novo novelista Alonso. E virmos cun libro dedicado, claro.

8/14/2009

Exercicios espirituais


Polo mes de abril chegaba un dos momentos máis importantes do curso: os exercicios espirituais. Catro días de reflexión e silencio nos que chovía por nós variada lección de pecados mortais, os veniais non tiñan praza en tan importante xuntanza, relatorio de tormentos infinitos descritos con minuciosidade de ourive e xuízos finais con toda a parafernalia e o estrépito trompeteiro que merece tan apocalíptico acontecemento.Todo isto acompañado cunhas desganadas descricións da gloria celestial; desgana que non sei se viña motivada por un escaso entusiasmo a vivir nesa gloria, ou pola pouca esperanza que tiñan nas nosas capac idades para fuxir do maligno (Carlos Mella, Memorias dun ninguén, Galaxia, 2009). Isto pasaba no colexio dos xesuítas e ben que se parece ao noso Seminario!

8/06/2009

Mercurio de Emilio Alonso


Mercurio, Emilio Alonso. Xerais, 2009, 100 páxs.
Para os que andamos por fóra, que mellor xeito de ir dar unha volta por Lugo?: que ler este libro! E para os que estean na cidade, que mellor maneira para dar un paseo polo Lugo de sempre? Porque esta pequena novela é unha homenaxe a Lugo, total, xa empeza dicindo que lle gustaría comparar a nosa cidade coas inventadas por García Márquez ou Torrente Ballester. Desfilan pola narración un montón de rúas, bares, hoteis, personaxes reais e tamén cambiadas de nome (como o cura profesor de matemáticas no instituto)... El Progreso é El Adelantado... e moitas outras cousas que poderá apreciar quen lea a novela. Lese nun plis plas, ideal para unha tarde na praia se este verán alguén consegue atopar sol nas praias esas ás que na novela se di que vas os de Lugo; ou tamén para ler unha tarde xa que non se pode ir á praia. Só ten un defectiño, que o autor di que acode ás comidas de ex-alumnos do Instituto e mellor sería que acudise ás comidas de ex-seminaristas, que nas nosas comidas tamén hai escritores e policías. Por que Lugo non pode ser coma as cidades das series americanas? Cos seus crimes, narcos, chanchulleiros... Grazas a Emilio Alonso xa o é.

6/12/2009

Ovidio Valín

Enche toda unha páxina da edición galega de El País de hoxe. Valín sempe foi un gran deportista no Seminario e se cadra aínda o segue sendo. Vemos na foto que como non puido disfrazarse con sotana preferiu facelo de romano. E que ben lle queda a espada. Saúdos Ovidio!

5/23/2009

Velaquí unha foto de foto de 1967, enviada polo blogueiro exseminarista Jesus V. Pereira (o noso embaixador no Brasil que nos manda foto e información). Cando a sotana aínda era como unha segunda pel. Que aconteceu aí? Milagre? Non, a foto foi tirada nun cursiño de cristiandade e para acompañar o espírito moderno que pregaban, permitiran arrancar a segunda pel, a sotana. Bo, pero o máis significativo desa foto é ver como xa naqueles tempos de Don Antonio Ona de Echave, os seminaristas estaban ollando para o futuro e xa cultivaban a ecoloxía: só basta ver a Don Jaime Delgado protexendo a "vaquilla".

5/16/2009

17 Día das Letras Galegas

Este grupo de rapaces daquela nin sabían que xa se celebraba o Día das Letras Galegas, meus pobres! Mais cumpriron co idioma coma campións, falaban galego entre eles, só cando estaba diante o cura nas clases se pasaban ao castelán. Non lles facía falta Día das letras, xa o celebraban todo o ano. De que ano é a foto? Estaba xa ben medrado o famoso pelo de Celeiro? Por que está Viana no alto?

4/30/2009

4/25/2009

Conexión Tubinga. Referencia a este blog

Hai un tempo que lin Conexión Tubinga e a recomendei neste blog. O autor puxo na súa páxina este comentario.
HISTORIA DA NOVELA III

Hai uns días recibía un correo na bitácora que me gustou especialmente, non só porque a persoa que me escribiu gozara da lectura de Conexión Tubinga, senón porque se trataba dun exseminarista deses que periodicamente se reúnen cos seus excompañeiros de curso para falar sobre o divino e o humano. Digo o de divino porque estes encontros adoitan ter como tema referencial as vivencias no internado, algo que para as compañeiras de viaxe ás veces resulta algo insufrible. No seu blog recomendaba a novela os seus compañeiros de curso e mesmo debaixo mostraba fotos dos encontros gastronómicos e outras da época en que estudaran no Seminario de Lugo. Unha desas fotos é exactamente igual ás fotos de curso que faciamos nós no Seminario Maior do Divino Mestre. Resultoume especialmente agradable o seu correo porque non só me trouxo recordos simpáticos, senón que me fixo constatar que a literatura feita co corazón non é senón unha forma máis de comunicación. Ben, dicía que esa foto me trouxo recordos porque, cando miro as que aínda gardo dos meus anos de seminario, penso nas historias que hai detrás de cada un deses compañeiros que pousaron para instantánea. No fondo todos somos un libro no que se encerran unha morea de historias por contar. Algúns converteron a súa vida nunha epopea, outros nun libro de poemas, houbo quen optou polo misterio, e quen seguiu deambulando polas alturas na busqueda de Deus, e mesmo quen persiste no camiño de afanar aquilo que nunca conseguirá, como o Gregorio Olías de Xogos da Idade Tardía, que só conseguiu ser o poeta Faroni na súa propia imaxinación. Isto levoume a pensar que Conexión Tubinga é soamente unha pincelada nun cadro cheo de historias por contar.
Despois de ver o seu blog de exseminaristas entrei noutro no que promoven unha técnica virtual para aprender galego, traballo que comparte coa súa muller. Vin o video no que promocionan esta iniciativa e case sen querelo vinme establecendo comunicación cun home e unha muller duns cincuenta anos, aos que, se non escribise Conexión Tubinga non coñecería, aínda que polo momento sexa só virtualmente. Son anxo González e Vitoria Ogando. Debo decir que este encontro virtual xa forma parte da historia de Conexión Tubinga, porque un escribe unha obra, pero logo esta enriquécese coas opinións e comentarios dos lectores, ben sexan positivos ou negativos. Con todo, a bitácora do Seminarista en Lugo desde o 66 xa está ligada a Conexión Tubinga, non só virtualmente, senón tamén animicamente. Un día destes poreime co curso virtual de galego, porque teño ganas de profundar nun apartado que fai referencia ao refraneiro popular.
Está claro que os ex-seminatistas nos entendemos! Mira por onde aquilo de que o Seminario deixa marca é certo. Agradecidos por poñer a nosa foto!



4/24/2009

Saúdos para a promoción de 1972


Non somos só nós os que nos xuntamos para xantar unha vez ao ano. Este sábado seica tamén se xuntan en Lugo os que empezaron un pouco máis tarde, no 1972-3. Tamén o fan nun restaurante da capital, eles despois dunha misa. Resulta que empezaron uns cento vinte e a colleita de vocacións foi tan escasa coma a nosa: un cura, o padre Miguel Gómez. Nós como somos mais vellos gañamos en alcaldes; eles teñen actores famosos, como ese que fai do malo Carmelo na serie Matalobos da TVG. Que lles aproveite!!!!!

De Gabriel

Interesante libro o que presentou Narciso en Pontevedra: a historia de dúas mulleres que casaron alá polo ano 1901 (Elisa e Marcela. Alén dos homes. Ed. Nigratea). Na presentación estivemos todos un pouco presentes porque lembrou que coincidira con algún dos aistentes no Seminario de Lugo onde tanta xente empezara a estudar despois de deixar as escolas. E precisamente de escolas debe ser Narciso quen máis sabe porque leva moito tempo estudándoas con excelentes resultados. Saúdos para este ex-seminarista que agora é o Decano dunha Facultade da Universidade da Coruña.

4/14/2009

Narciso de Gabriel


Novo libro de Narciso de Gabriel. Alén dos homes.

Narciso de Gabriel é catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña, onde é decano da Facultade de Ciencias da Educación e desenrola un destacado labor como investigador, centrado principalmente na Historia da Educación en Galicia. Algunhas das súas últimas publicacións son ‘Escolares e escolas de ferrado’, que recibiu o Premio de Investigación María Barbeito en 2001, ademais do Losada Diéguez e o da Crítica; ‘La historiografía educativa regional en España’ (2005); ‘Ler e escribir en Galicia. A alfabetización dos galegos e das galegas nos séculos XIX e XX’ (2006), premio de Investigación Concepción Arenal; e ‘Clases populares y culturas escolares’ (2007).
Na famosa Semana de Filosofía de Pontedevdra Nariciso é un dos conferenciantes destacados.
Xa se vía cando eramos pitos no Seminario que Narciso era un rapaz con futuro.

4/07/2009

Luná!!!

Luná!!! Este Seminario non é tan grande coma o noso, pero tamén ó moi feito (é do de Plasencia). Luna era o único taco que se podía dicir en alto, pero me cago na luna xa estaba mal visto, era feo e repercutía na nota de modales. Algúns din que se podía confundir con me cago na cona e por iso estaba moi prohibido. Cantas veces escoitamos frases coma esta luna, embarqueille a vincha ao pito! (si oh, mandeille ben lonxe o balón ao seminarista novo). -frase lembrada por Benigno Glez. Glez-

3/31/2009

Profesións

Algún día nesas comidas teriamos que facer un estudo de cales son as profesións nas que acabamos moitos dos seminaristas. Hai uns cantos mestres/profesores, coma o Fernández, e tamén banqueiros, coma o Polín. E moitos máis. No xantar de decembro a xente non sentou por profesións.

3/20/2009

Os Bicos de Tina. Alfonso Eiré

O noso compañeiro Pucheiro acaba de sacar á rúa unha nova novela. Os protagonistas son un neno labrego que vai á escola e bota as vacas (coma moitos de nós) e unha mociña un pouco máis gaiota. Entre os dous van ir descubrindo o amor e a sexualidade aínda que un tal cura das Casas non estea moito polo labor. Nos capítulos impares conta a historia o rapaz. Nos pares a rapariga repite o mesmo desde a súa óptica. Lese nun plis plas porque son só 152 páxinas de letra grande.

Os bicos de Tina, Alfonso Eiré, A Nosa Terra, 2009

3/19/2009

San José, Día do Seminario

Así somos agora despois de comer ben no Manuel Manuel. Tamén se comía ben daquela o Día do Seminario que entón era o 19, día de San José (ese santo que se dicía hoxe na radio que casou cunha muller cun fillo de solteira, vaia, vaia). E tamén se podía andar por Lugo adiante pedindo para a causa. Era un bo día este de San José, o pai putativo (Pepe, que non pepé) de Xesús.

2/23/2009

Ás duchas!



De que ano sería este equipazo, seguro que gañou algo cando se fixo esta foto. Podería ser de 3º?. E despois á ducha!. Menos mal que nos últimos anos xa estaban máis á man as duchas. Nos primeiros cursos só tocaba ducha cada semana? cada dúas semanas? A memoria falla. Había que ir en pantalón de deportes. O padre daba un pitido e entraba un grupo, ao pitido seguinte saía o grupo e entraba outro; o padre comprobaba o pelo dos saíntes para ver ser se se lavaran ou non. Había quen facía trampa e só mollaba o pelo. Seguía cheirando a suor.
E claro, ata terceiro non houbo calefacción. Entrabamos despois do recreo cheirando a adolescente, o cura abría as ventás "prefiero morir congelado a morir ahogado" naquelas mañás de néboa e frío. E nós batiamos os dentes mentres debullabamos declinacións.

2/04/2009

O tío cura

Moitos de nós tiñamos un tío cura, que fora o que nos preparara para o exame de ingreso e aquel a quen nós debiamos imitar, tamén supuña en moitos casos unha boa recomendación no trato cos curas. Eu tiven varios tíos curas. Un deles era o meu padriño, un bo home. Comprobouse o sábado 31-1-09 no Incio cunha homenaxe póstuma na que estiveron o Presidente da Deputación e o Vicario. Ata lle puxeron un busto xunto á fermosa igrexa do Hospital do Incio. Non me podo queixar de que meus pais non me desen un excelente padriño.
Quen queira saber da súa vida, mire anxo.info

1/25/2009

A miña amiga Tareixa envíame esta foto de como era o Seminario no que nós vivimos. Este e moitos outros edificios emblemáticos da cidade despareceron e no seu lugar están arestora pisos e máis pisos: o Gran Teatro... E agora seica ata perigan as costas que hai xunto ao Parque no que tantas horas botabamos os seminaristas mirando (os que eramos de Chantada, Taboada, Carballedo...) a estrada que levaba ás nosas casas. Alguén lembra para que servía esa porta de ferro? Eu nunca a vin aberta.


1/18/2009

Libramos da sotana por pouco

Pouco nos faltou, serían 2 anos?, para termos que participar nesta cerimonia na que o señor bispo impoñía a sotana. Alí ían os seminaristas acompañados das súas mamás que facían de madriñas. Velaquí temos a un dous anos maior ca nós, meu irmán Bernardino, de xeonllos diante de Don Antonio Ona de Echave. Eles pronto deixaron xa de levar sotana. Tiveron sorte.
E alguén lembra o nome dese crego con gafas? a que soa? E o outro sen gafas e de branco?

1/05/2009

Israel


Que pouco cambiou o mundo!!! En xuño de 1967 (EN SEGUNDO) foi a Guerra dos seis días na que Israel conquistou a Península do Sinaí. Resulta que entón na comida do mediodía nos lían algunha noticia importante e cando escoitamos ao Padre de turno lernos que Israel vencía aos exipcios (esa mesma Israel que sempre tiña que perder na Historia Sagrada dos libros) produciuse un aplauso espontáneo de apoio aos sufridos israelitas. E vaia bronca que nos caeu ... que non se podía aplaudir a unha guerra (xa contado noutra entrada!). Pois aí segue Israel estes días. Este machado que figura nun museo ben pode simbolizar as ganas de matar dos humanos desde aqueles nosos heroes da historia sagrada, non cambiamos nada, tal e como nos ensinaba en Historia Jaime Delgado!

1/01/2009

Os que seguiron despois de COU

Só foron tres os que quedaron no noso curso despois da última espantada ao acabar COU. E menos mal que un dos tres mantivo a representación do curso na orde sacerdotal. Pois os que chegaron adiante e os que aínda lles gusta a filosofía ou a teoloxía poden gozar cunha novela ambientada no Seminario de Ourense, na época actual e nos últimos cursos antes de recibir as ordes sacerdotais. O título é Conexión Tubinga, o autor Alberto Canal, a editorial Xerais, e está do trinque, acaba de ser publicada. Nestas festas de Reis que a merquen ou atopen quen llela regale. Seguro que a van ler toda seguida; hai intriga, filosofía, curas, bispos, teólogos... (e ata algunha moza?). (Blog do autor)