2/23/2013

24 de febreiro, Rosalía de Castro

Cantarte hei Galicia, teus dulces cantares...
Toda Galicia celebra os 150 anos de Cantares Gallegos neste día de Rosalía. Nós tamén.

2/18/2013

E serán filloas?



 Se non son filloas ben o parecen

Outro conto do noso correspondente no Barbanza Pedro J. Rovira:
O ANO 13 ESPAÑOL
Eu non creo nas meigas, pero habelas, hainas.
Dende neno me dixeron que o Mandamento I da Lei de de Deus prohibía crer en agoiros non controlados pola Congregación para a Doutrina da Fe. Grazas a esta crenza, ata agora, vinme libre de tantas e tantas supersticións que eu cría froito da ignorancia do pobo. Teño pasado por debaixo dunha escaleira, vestín de amarelo cun dos clubes internacionais (contabamos no cadro de xogadores cun nicaraguano) nos que tiven a sorte de xogar, e incluso teño saído da casa co pé esquerdo. E aquí estou.
Pero isto, isto que está a ocorrer no noso país, non ten explicación lóxica.
Que un goberno nos levase á ruina total, que un (uns) que outro (outros) metese a man no peto dos cartos de todos, que o meu veciño tivese licenza para construír tres pisos por riba do permitido, que o clero español optase pola defensa dos nonnatos máis ca pola defensa dos xanatos, que ata eu presuma de cristián tendo ao meu carón quen non ten nin para manter unha dieta etiópica, todo iso, dentro da súa gravidade, cabe dentro da natureza humana, sen ter que recorrer a explicacións esotéricas.
Pero ao que está a acontecer no ano doce máis un no noso país, patria, confederación ou unidade no universal non lle atopa explicación das chamadas racionais nin o máis crédulo da Compañía de María.
Explícome.
Rajoy (non teño a suficiente confianza con el para galeguizalo) gaña máis en tempos de crise ca cando eramos ricos (Zapatero dixit). Rubalcaba non ve ben a espionaxe. Ana Mato sostén (verbo) que o seu matrimonio non é nin fu nin fa. Gallardón pasou de ser o enfant terrible do PP ao heroe dos ultras leperianos españois. Os Pujol (Deus me libre de castelanizalos. Recordade o que pasou cando a Carod Rovira lle chamaron José Luis) profesan o separatismo condonativo das súas rapinas. Griñán predica o socialismo. Floriano non estudou laboral (é doutor en Dereito). Jorge Vázquez escribiu un libro. Pepiño, por agora, é Don José. Rato hai rato que non caza. A Espe espera. Rouco tamén espera a tolemia do Espírito Santo. Bárcenas aínda non é ministro de economía. Para a CEOE traballan demasiados e cobran ademais moito. Para os sindicatos, a rúa é nosa e os problemas son do goberno. E para o Papa? O Papa demostrou ser o único que contaba coa inspiración divina e dixo: Que vos dean morcilla!
E por dicir, tamén digo eu. E que carallo facemos os demais?
Se alguén conta coa resposta, que cale. Que non sexa burricán. Todo o peso da LEI caería sobre el por desestabilizador e roxo.
Pedro J. Rovira Magariños

2/11/2013

Dimitiu o Papa


Disque dimitiu o Papa. Este Bieito xa non era moi do gusto do meu padriño do Incio porque cargou algo nas dereitas. Agora dimite, algúns aplicaremos a filosofía do señor Avelino de Trasar. 

Conta un meu tío que un día na cantina a señora Teresa viu que saía o Papa na televisión (a única do pobo) e foi correndo onda o home: Avelino ven pronto que está saíndo o Papa na televisión e nunca o vichesTampouco il me viu a min nunca, respondeu o señor Avelino. 

Lembro  moi ben ver chorar as mulleres de Trasar cando morrera o bo de Juan XXIII, debía eu andar polos 8 anos. Igual agora volve outro Papa coma aquel, igual, igual..??? Haberá que lle preguntar a monseñor afónico.

2/10/2013

Ano da serpe

Hoxe 10 de febreiro empeza o ano da serpe. Que esta recreación lisboeta lles de sorte a todos os lectores (e lectoras) deste blog.

2/06/2013

Gaivotas subterráneas

Unha moi boa obra protagonizada polo exseminarista de Lugo Luís Iglesias (o de Matalobos). Se teñen ocasión non deixen de vela.