4/22/2012

Vilamor, a película

Andar a botar por Galicia unha película preciosa, Vilamor. Vai sobre unha comuna de hippies que se establece no Courel a mediados dos 70. O personaxe principal é un seminarista. Merece a pena vela.


4/03/2012

Orlando pendurado. Goretti Fariña

Premio de novela curta (só 78 páxs.) Cidade Centenaria de Riveira 2011.
Outra obra protagonizada por un seminarista que acaba de saír e non sabe se volver para crego. A editorial di da novela: A nove metros do chan e a sete do taboleiro onde escorregara dez minutos antes, o operario Orlando Valiñas planeaba na bruma da mañá. Pendurado dun incómodo arnés, que o unía á vida, pensaba en Alexandra, a compañeira que enchera a súa vida nos tres últimos anos. Orlando preguntábase como identificar os sinais que indican o modo de facer correcto na vida, a maneira de atopar o rumbo preciso para avanzar na boa dirección. Durante aquela situación límite, en boa medida froito do tempo de crise que vivimos, cruzáronselle na súa cabeza as decisións principais da súa vida, xusto cando se verá obrigado a tomar outra que orientará o seu futuro. Con Orlando pendurado, un protagonista argallante que principia namorado e remata furioso, a autora quixo trazar un relato entre existencial e costumista, cun resultado entre piadoso e retranqueiro.

4/02/2012

O penalti de Fuco. Alfonso Eiré

Nada menos que o grande Pepe Domingo Castaño no programa futboleiro do domingo na COPE falou do libro do seu amigo Alfonso. 
A novela empeza cun penalti no Bernabeu na final da Copa do Rei entre o Madrid e o Barça. Pero de porteiro do Madrid está o galego Fuco e de árbitro outro galego. E diso van as 187 páxinas do libro, tira o penalti Messi e parará o Fuco? Non o imos dicir que matamos a intriga. O resto do relato son os pensamentos do pai de Fuco (ou do narrador?) que lembra toda a súa vida ata chegar a este momento. El tamén foi porteiro na Lucenza (chantadina?) e no Seminario, e... e como chegou a profesor de Lingua e Literatura é un home moi culto e o libro está cheo de citas de escritores famosos. Paco é o pai, Fuco o fillo, os dous porteiros. Todo é fútbol, todo falar de fútbol, só iso.
Hai moitos nomes recoñecibles para os ex-seminaristas do 66. Pedro é o porteiro titular no Seminario, Quintana adestra en Sarria. E o Guerra é malo malo co balón: Unha vez intentarono co Guerra, pero o Guerra, con máis afección polo pensamento tranquilo e o ensimesmamento que polo xogo da pelota, cando recibía un balón prefiría ou arrearlle unha patada cara a onde fose ou pórse de cu por ver se pegaba nel, pois o seu traseiro ocupaba case a quinta parte daquelas porterías dun campo marcado ao ancho do regulamentario. O Guerra xogaba ao fútbol porque era preceptivo.
E ao tal Paco bótano do Seminario por: non ten vocación, pensa máis en xogar ca en rezar. :D
Así que libro de lectura obrigada para os exseminaristas do 66 de Lugo que viron o Pucheiro xogando de porteiro. Agora veno escribindo diso, que disque sabe moito. E non é nada doado saber de fútbol, non hai máis que ver as acendidas discusións que hai todos os luns en todos os bares e centros de traballo masculinos.
Publicado en Baía Edicións. Eu merqueino e Biblos, onde lles teñen todos os libros galegos.