3/28/2008

O Catecismo

Estabamos destinados a ser os pastores que gobernasen os rabaños de crentes na diocese de Lugo polo que debiamos saber o libro máis importante, aquel que todo o mundo tiña que saber para facer a primeira comunión, o Catecismo.
Que nos lembra hoxe? A ver cantos eran os sacramentos e cales? a que non acorda? (bautismo, confirmación, penitencia, eucaristía, unción de enfermos, orde sacerdotal e matrimonio). Ben nos lembra que os pecados capitais eran 7, pero cales? (soberbia, avareza, luxuria, ira, gula, envexa e preguiza). E, claro, contra os sete pecados tería que haber sete virtudes que viñan sendo..... (humildade, xenerosidade, castidade, paciencia, templanza, caridade e dilixencia). A que non che acordaba que a dilixencia era unha virtude... só che acordaban as dilixencias das películas de vaqueiros... Ai, esa memoria como anda! Porque claro, por suposto que todos lembramos os 10 mandamentos, faltaría máis??????? O sexto, por exemplo

(1: Amarás a Deus sobre todas as cousas
2:Non tomarás o nome de Deus en van
3:Santificarás as festas
4:Honrarás a teu pai e a túa nai
5:Non matarás
6:Non cometerás actos impuros
7:Non furtarás
8:Non dirás falso testemuño nin mentirás
9:Non consentirás pensamentos nin desexos impuros
10:Non cobizarás os bens alleos)

Anda, resulta que o noveno tamén existía... penseches que estaba no sexto!?

3/18/2008

19 de marzo día do Seminario

O día de San José era tamén o día do Seminario, día de festa. Moitos tiñan a sorte de poderen saír por Lugo adiante toda a mañá a pedir axudas coma se fose o Domund. E todos tiñan a oportunidade de comer de festa, unha comida que nin se podían imaxinar o resto do ano. E ata houbo un ano en que veu o mesmísimo bispo en persoa?
E por que o día de San José? Aquí conta a historia a Conferencia episcopal...
E este ano como coincide a festa co mércores de Semana Santa seica se trasladou a festa ao pasado día nove... tempos!!!

3/12/2008

Semana Santa




Cando nós empezamos a ter vacacións de Semana Santa era na semana seguinte porque a Semana Santa era para quedar en Lugo e asistir a todos os oficios; nos últimos anos xa na Catedral. O bo era que non había clase, o malo... que un se aburría un montón con tantas horas de capela/catedral. Os que lle daban ben ao canto, eses tiñan traballo dobre. ..
Lembro que había unha procesión con moita sona (a da Virxe da Esperanza) que pasaba entre os dous Seminarios porque ía ata o cárcere a resgatar un preso ... e ían vestidos de verde e sempre desfilaban e tocaban os mariñeiros de Ferrol.
Diso si que librabamos nós de desfilarmos....

3/08/2008

Os cromos

Que ben se pasaba facendo a colección de cromos de futbolistas cada tempada!!! comprar, cambiar, repasar cada día as existencias!!! Era todo un deporte. Mesmo os que non eramos moi dados ao fútbol tamén participabamos deste evento. É que alí era moi difícil non participar nos acontecementos futbolísticos. E quen non vai lembrar as aliniacións daquel Pontevedriña que era o orgullo de todos os galegos, o "hai que roelo". Quen non me pregunten quen xogaba naquel Madrid ou Barça do 1967, pero si lembro sen mirar nomes como: Cobo, Irulegui, Batalla, Cholo, Martín Esperanza, Neme... Aquel si que era un equipo... e Pasarón debía ser unha pota a punto de estoupar...

3/05/2008

A bolsa da roupa

Moitos tiñamos un curioso sistema de lavandaría. Metiamos a roupa nunha bolsa de tea e cada quince días viaxaba no coche de liña e volvía lavada. Mesmo nos xuntabamos os da zona para facer unha grande bolsa común e os pais turnábanse para levar e traer o bolsón ata o coche. Desde o Seminario encargábase un dos conserxes que levaba propina como ten que ser.
Cando volvía a bolsa traía a roupiña, algún matute e cartas que as nais metían entre os calzóns porque nas cartas normais había censura. Entregábanse abertas no salón de estudo e tamén se recibían abertas.... non fose que a vocación se desviase por camiños indesexados. Por iso miña nai inventara un sistema de contraseñas para que nas cartas (mesmo nas metidas na bolsa que non se fiaba) nós lle dixeramos a verdade do que nos pasaba. Ai, as nais, como as botabamos de menos no primiero ano!!
Esta foto debe ser da xuntanza de 2001?