1/23/2011

Baldomero Pestana e Polín

No Xornal de Galicia do 23-01-2011 vén un especial sobre o artista Baldomero Pestana (podemos informarnos ben sobre el na súa páxina web). A agradable sorpresa foi ver quen é o familiar co que convive,  é nada menos que o noso compañeiro de Seminario Antonio Polín (o que todos os anos traballa para organizar a o xantar de nadal). Di o xornal que Baldomero Pestana fotografou aos grandes xenios das letras coma García Márquez ou Vargas LLosa e que os seus debuxos están nos principais museos do mundo. Que saiba Polín que desde agora Baldomero Pestanta vai ser o fotógrafo e debuxante preferido deste blog.

1/20/2011

Para ir preparando o día da Paz

No noso curso sempre sentaban xuntos Guerra (AGonzalezGuerra) e Paz (JGonzálezPaz), curioso. Pedro J. Rovira Magariños, exseminarista e seguidor do blog envíanos o que hoxe contruíron na súa clase (moi bonito, por certo, parabéns para os rapaces/as)

U-LA PAZ?

Paz,
de nome tan curto e tan fermoso,
por que gardas silencio?
Non ves acaso tantos nenos rebentados,
minas asasinas, horror humano?
Onde estabas cando isto sucedía?
Quen  te acalou?
Quen te ten sometida ao seu engano?
Loita pola túa liberdade.
Libérate dos ferros que enfeitizan.
Volve a enxendrar unha nova primavera,
e non tardes, que este tempo non espera.
O mundo está orfo de bondade,
sen amor,  sen futuro , … condenado. 
Demorando o teu  voltar, será xa tarde.
E a pouco que te vaias retrasando,
moitos homes morrerán.
Nenos felices e mulleres liberadas só  serán recordo do pasado.
A terra será tobo doutros seres que xa nunca voltarán a ser humanos.
Ven.

1/17/2011

Xantar (8)

Cuñarro e Polín semellan moi interesados na conversa o primeiro sábado de nadal pasado (fotoQuintana)

1/14/2011

Os campamentos da Oje na Devesa

Que ben o pasamos aqueles dous veráns no campamento da OJE na Devesa, alí coñecemos esa marabilla de praia das Catedrais que non ten outra igual coa que comparar (neste vídeo vese ben, loce coa música de Juan Pardo). E en que ano sería?

1/11/2011

Profesorado

Naquel Seminario dos 60 había de todo entre o profesorado. Xa falamos outro día de don Xosé Díaz, autor dun dicionario latino-galego, algún día falaremos de don Nicandro Ares, hoxe un dos mellores expertos na procedencia dos nomes de lugar en Galicia ou de don Alejandro Pin, coas súas innovacións. Hoxe tócalle a don Jaime Delgado e a súa paixón pola historia, non tiña inconveniente en poñer 11 ou 12 na nota dos que poñían máis do que viña nos libros e conseguiu que unha morea de xente coleccionase cromos de historia para un álbum, seguro que algún aínda o conserva na casa. En honor a el vai este vídeo do Castro.

1/09/2011

O cura que se retirou

A un cura estaban a facerlle a súa cea de despedida por 25 anos de traballo nunha Parroquia. Un político membro da comunidade foi convidado para dar un breve discurso. Como o político tardaba en chegar, o padre decidiu dicir unhas palabras el mesmo para encher o tempo:
-A miña primeira impresión da Parroquia tívena coa primeira confesión que me tocou escoitar. Pensei que me enviara o Bispo a un lugar terrible, xa que a primeira persoa que confesou díxome que roubara un televisor, que lles roubou diñeiro aos seus pais, roubara tamén na empresa onde traballaba, ademais de ter aventuras sexuais coa muller do seu xefe. Tamén en ocasións se dedicaba ao tráfico e á venda de drogas. E para finalizar, confesou que lle transmitiu unha enfermidade venérea á súa propia irmá. Quedei asombrado, escandalizado e asustadísimo... Pero cando transcorreu un tempo, fun coñecendo máis á xente e vin que non eran todos así, vin unha parroquia chea de xente responsable, con valores, comprometida coa súa fe. E así vivín os 25 anos máis marabillosos do meu sacerdocio'.
Xustamente neste momento chegou o político, polo que se lle deu a palabra. Por suposto, pediu desculpas por chegar tarde e empezou a falar dicindo:
-Nunca vou esquecer o primeiro día que chegou o Padre á nosa Parroquia... de feito, tiven a honra de ser o primeiro que confesou con el...
MORALINA:   hai que ser puntuais, como dicía o protagonista de O seminarista, de Rubem Fonseca.

1/08/2011

Acabouse o fumar nos xantares

Segundo a nova lei en España non se pode fumar nos restaurantes. Así que se acabou o botar un cigarro ou un xaruto no xantar anual que tan ben lles prestaba a algúns compañeiros, agora terán que saír fóra. O curioso do caso é como os medios de comunicación da dereita española están chamando á insubmisión e reclamando os dereitos da xente. Cando resulta que foi a dereita católica a primeira en impoñer a prohibición de fumar desde sempre. Porque, amigos ex-seminaristas, lembrades vós que se puidese fumar nas igrexas e catedrais algunha vez... cando se fumaba en hospitais, bares, facultades, seminarios... Así que a dereita nacional católica o que ten que facer é deixar fumar nas igrexas, nas catedrais, nas capelas, nos mosteiros. Medrarían os fieles, a que sí?
(na foto Vicente, Valín, Jaime)

1/05/2011

Agasallo de Reis de José Luís Álvarez Quintana para os lectores/as do blog

INVERNO EN 2010
(POR SE OS AMIGOS FOSEN NECESARIOS)

Chove,
non importa, se é inverno
e as mans topan cos petos.
Se o silencio se cobre de palabras
e os ollos se abrigan de miradas.
Se mañá segue sendo logo,
se te agardan sentados na beirarrúa
aínda que chegues máis tarde,
xa de noite, empapado de sombra
e despois das doce sen un bico.

Chove,
apagáronse as luces do xúbilo,
as grilandas serpeaban na lama
e a orquestra esváese na nube do café.
Non se ven as coristas de vermello,
o solista de charón e as mans inquedas
enterra o seu chapeu branco,
o home vello do saxo vello
escóndeo no estoxo de cartón
e afástase coxeando desacompasado.

Chove,
chegou mentres soñabamos entretidos.
Os nosos fillos durmían pola mañá,
como os mariñeiros coas redes acuguladas,
sen saber que a mar non é previsible.
Onte repartiámonos futuro
pero hoxe non chegou, mañá está pechado
e logo anuncian néboa ou quizais sexa un erro.

Chove,
non importa, se os vosos nomes
florecen cando abro as mans,
se detrás dos meus zapatos rotos
sempre quedan camiños compartidos ou,
sinxelamente, podo seguir as vosas pegadas
para acadar o regreso á casa.

Non importa,
chove e non importa;
estaremos atentos por se un día,
talvez non sexa necesario, pero un día
nos chamen a destempo
cando menos o esteamos esperando,
e saberemos abrir todas as portas
ata que chegue de novo o arco da vella.
             
                                               XL FERREIRO  

1/01/2011

O seminarista

(entrada dedicada aos seguidores brasileiros deste blog)
Rubem Fonseca, un dos grandes da literatura brasileira, publicou unha novela curta, que se le dun tirón, publicada en Portugal por Sextante Editora e distrubuída en Galicia por Biblos. E acáelle moi ben aos lectores deste blog porque o protagonista tamén é un ex-seminarista que mete nas conversas continuamente frases en latín, orgulloso do seu pasado no Seminario e que garda amizades para sempre forxadas na estadía cos curas. É un home moi sensible cos animais, capaz de devolver unha chicharra desde a súa cama a unha árbore da rúa, un grande lector de poesía. O problema é o seu oficio, é un asasino profesional (e non é o único, na obra hai máis ex-seminaristas asasinos), pero que ten reparo en matar mulleres, algo lle debeu quedar do seu paso polo seminario. Hai un momento en que di: todo ex-seminarista é puntual; el será certo? Novela obrigada para xente que pasase polo seminario e poida ler en portugués.