9/23/2008

Quen non estivo no Seminario?

A ver, quen non estivo no Seminario? Por todas partes imos topando homes que estiveron no Seminario hai anos. Uns aturamos máis tempo as misas (a foto é do Maior, coa zona da capela) e outros menos. Hoxe na TVG o popular presentador Piñeiro tamén confesaba que el estivo un ano no Seminario, aínda que sería o de Ourense, e que entón eran moitos... coma nós. A ver se este ano na reunión anual tamén hai moita xente....! Xa non falta tanto?

9/18/2008

As notas


Metíannos a todos naquela aula grande o día en que daban as notas. E don Basilio, o reitor, ía lendo en alto as notas de todos. Sempre había algo de ruxerruxe pero de vez en cando don Basilio facía un silencio e sacaba as gafas para verlle a cara a alguén... entón facíase o silencio a ver quen sería o premiado con malas notas. E don Basilio ía debullando os resultados:

-Piedad

-Disciplina

-Aplicación

-Conducta en clase

-Modales

-Aseo

Eu xa non lembro ben se eran estas as primeiras que lía, seguro que alguén por aí aínda garda o boletín de notas. E claro, suspenso en Piedad e Disciplina era algo terrible, a expulsión tan temida non anadaba lonxe e daquela non valía contarlle milongas aos pais. Os Padres controlaban todo: a relixiosidade ou piedade (comulgar, confesar, portarse na capela), o comportamento xeral (disciplina), o ser bos estudantes e chapar e levantar a man na clase (aplicación) o portarse ben nas clases estando en silencio e facendo algo a pelota (conduta en clase), o falar ben o castelán (modales) o andar cos zapatos limpos e atados (aseo). Creo lembrar que se repetía case sempre a mesma nota, excepto en modales ou aseo? onde baixaban en picado os galegofalantes.
Agora seica Berlusconi en Italia quere poñer notas de comportamento nos institutos e escolas. Que nos pague unha viaxiña a calquera de nós que lle vai de asesor.
Ah, e logo seguían as notas das materias: lingua, latín, historia... relixión (outra vez).... a de galego aínda non se inventara...
Estes da foto si que eran bos en fútbol... ata tiraron este retrato co Castiñeira

9/14/2008

Un párroco

De chegar a cura este ex-seminarista estaría encantado sendo o párroco desta igrexa da Cervela. Unha igrexa con moito mérito, moi antiga e cunha curiosa cuberta do adro (debaixo do tellado case se ve colgado un curioso aparello para levar os cadaleitos). Na Cervela o último domingo de agosto é a Santa Lucía, as andas e as imaxes cóbrense con arcos floreados cando saen á procesión e os danzantes bailan para elas unha danza moi antiga. Os da Cervela seguen conservando esta fermosa tradición que case estivo a punto de perderse por falta de mozos danzantes. Pois si que sería un pracer misar o día da festa na Cervela! (grazas ao Moncho pola foto)

9/08/2008

Pegerto

Curioso nome este de Pegerto. No noso curso o Pegerto estivo ata COU, despois en vez de aliviar as penas das almas... dedícase a aliviar en Chantada as penas dos corpos con moita dedicación e agradecemento da xente. Tamén era don Pegerto o Mordomo do Seminario. Este nome vén do sur da provincia, alá en Buciños-Carballedo, onde está o santo. En 1830 o Papa Pío VIII outórgalle a un bispo da zona o corpo do mártir San Pegerto (cinzas) topado nas catacumbas de San Calisto de Roma e un vaso con Sangue e a Lápida de pedra do sartego que ten gravado "PEGERTVUS ". E o 9 de setembro todos os anos se celebra en Buciños o san Pegerto, ao que acudían romeiros da contorna, moitos xa pasaban a noite anterior alí porque viñan da Virxe do Faro, que ó o día 8. Este santo era moi avogoso para os mozos que entraban en quintas.
E resulta que na zona moitos meniños levaban o nome de Pegerto (que moita xente pronunciaba Peguerto, e en galego seica debía ser Pexerto). Fóra da contorna o nome é descoñecido e o normal é confundilo cun apelido. Pero antes de chegarmos nós houbo no Seminario durante moitos anos un padre espiritual que formou a xeracións de curas e que se chamaba don Pegerto... e logo algúns curas foron espallando o nome polas parroquias da diocese.

9/07/2008

Un tío cura


Moitos tiñan un tío cura que exercía de padriño/protector ou fora quen animara ao rapaz a entrar no seminario. E ás veces ter un tío ben situado na curia é un seguro de ascenso. Que llo pregunten aos nosos contemporáneos do Seminario de Mondoñedo! Eles tamén sacaron un cura na promoción pero resulta que o tal viña sendo sobriño do cardeal Rouco Valera e agora xa é nada menos que bispo de Lugo. Está ben claro que ten padriño se bautiza. Unha pena que o noso don Julio non tivese un tío cardeal para poder ser bispo de Mondoñedo e devolverlles a pelota aos do norte.

6/23/2008

Prohibido hablar gallego

Xa en varias ocasións se comentou neste blog o feito de prohibir falar o galego neste edificio do Seminario que tan ben se conserva. Pero hoxe traemos aquí as polémicas palabras de don Armindo o cura de Santa Eulalia de Vedra:
Por los años 1940 non prohibían hablar gallego en el Seminario. Hoy dicen que eso era una barbaridad. Y yo digo que era un acierto, pues el Gallego ya lo aprendíamos en casa y en el colegio debíamos aprender el Español. Si hoy los niños hablan gallego en casa y en el colegio también, ¿Cuándo van a practicar la Lengua de Cervantes?
Que lles parecen?

6/17/2008

Frontón

Cantos partidiños de frontón se botaron nestes soportais cando chovía!! Había algúns curas que eran verdadeiros expertos en pasear por eles mentres xogabamos e había que estar pendente tanto da pelota coma do cura. Menos mal que as pelotas viñan gratis cos zapatos gorila que moitos gastabamos nos invernos. Creo lembrar que no lado do túnel tamén estaban os baños??

5/25/2008

O Lugo perdeu

Vemos na foto como alguén tira a porta. Pero é unha foto rara porque o que tira debía ser o que parase, xa que o tirador é nada menos que Iríbar, o noso grande porteiro daquela. Nestes días andaron en Lugo para poder xogar a promoción a segunda, pero perderon na casa o último partido e quedaron fóra, de teren un bo porteiro como o noso Iríbar non perderían. Agora terán que mirar o que fai o Pontevedra do hai que roelo