2/23/2015

Bispo que non é bispo

Vídeo no que algún que non chegou nin a cura fai de bispo (VER)

1 comentario:

Anónimo dixo...

O PASADO. AI O PASADO!



- Hai que mobilizar a todo dios! É moito o que nos xogamos nestas eleccións, compañeiras e compañeiros. O noso país pode caer en mans da extrema esquerda bolivariana. Deus non o queira!

Así se expresaba o delegado do goberno ante os candidatos ás próximas eleccións municipais.

Pepe había tempo que marchara para Santiago. Dende neno tiña mostrada a súa valía e fora o mesmiño presidente da Xunta quen o levara a formar parte do comité do partido na capital cando aínda non cumprira os trinta anos.

Moi preocupado polas palabras do delegado, prometeulle que ía ser el o que ía levar persoalmente a campaña no seu pobo.

Ao chegar á casa colleu o teléfono e chamou a don Ramón, o vello cura que chegara á parroquia uns días antes de que el se marchase para Santiago.

Sabía que podía contar co cura, pois así llo tiñan dito moitos veciños, aos que este orientaba cristianamente cando chegaba a hora de votar.

Don Ramón xa case que non se lembraba do tal Pepe, pois só tiña volto á súa cidade cando se celebraban elecións, e estas estaban tan seguras para o seu partido que nunca se tiña molestado en pasar a saudar ao crego.

Despois de presentarse como o candidato naquela parroquia, pediulle que convocase á xente para o sábado ás seis da tarde, pois ía dar un mitin para pedir un voto que nesta ocasión era máis necesario que nunca.

Don Ramón aproveitou para recordarlle que o seu partido estaba en débeda con el, pois aínda non recibira todo o que lle prometeran na campaña anterior, pero accedeu a botarlle de novo unha man. Era un caso de conciencia impedir que se fixesen co poder os enviados do maligno.

Chegado o día e a hora da convocatoria, pódese dicir que todo o pobo ateigaba o salón parroquial.

Ao ver don Ramón que o orador se retrasaba e que os veciños comezaban a dar mostras de impaciencia, decidiu facer de telonero para entretelos.

Subiu ao estrado e comezou a súa perorata.

- Queridos veciños. Este é un gran pobo. Levo case que trinta anos coma o voso párroco e dou grazas a Deus polo ben que aquí me tedes tratado.

Hei de dicir, porén, que cando cheguei, o demo quixo que a primeira persoa á que confesei me fixese formar unha idea moi negativa deste freguesía. Aínda hoxe sinto arrepíos ao lembrar a confesión daquel pecador.

Lembro que entre outras cousas confesou que fora el o que levara os cartos que se recolleran para axudar ás familias máis pobres e que tan misteriosamente tiñan desaparecido. Confesou tamén ser el quen puxera lume ao monte para vender logo a madeira queimada. Que pola súa culpa botaran ao alcalde anterior, pois tiña falsificado a súa sinatura naquelas obras ilegais das que fora acusado o rexidor. E que o fillo da María do Menor era fillo seu, aínda que non o tiña recoñecido.

Fixo unha pausa, e cando parecía que ía seguir co relato das falcatruadas daquel gran pecador, chegou o esperado don Pepe entre os aplausos do público posto en pé.

Don Ramón saudouno, deulle a palabra e baixou do estrado.

- Queridos veciños, antes de nada agradecerlle a don Ramón o seu extraordinario traballo nesta exemplar parroquia.

Lembro que fun eu precisamente o primeiro en confesar con el . . .



Pedro Jeroma