5/25/2008

O Lugo perdeu

Vemos na foto como alguén tira a porta. Pero é unha foto rara porque o que tira debía ser o que parase, xa que o tirador é nada menos que Iríbar, o noso grande porteiro daquela. Nestes días andaron en Lugo para poder xogar a promoción a segunda, pero perderon na casa o último partido e quedaron fóra, de teren un bo porteiro como o noso Iríbar non perderían. Agora terán que mirar o que fai o Pontevedra do hai que roelo

5/17/2008

Laboratorio

Mándame esta foto un seminarista de 1964: o laboratorio do Seminario ao que entón levaba moito un profesor apelidado Leirado para explicar a física. Eu non lembro tal cousa, a memoria só garda o que lle parece e cantos máis anos pasan máis señorita se fai. Parece que aínda hoxe gardan estes aparellos que agora xa son de museo. Alguén lembra algo disto?

5/13/2008

O túnel

Isto é o que queda hoxe daquel túnel que comunicaba os dous seminarios, o Maior e o Menor, está tapeado. Tiñamos que cruzalo cada vez que iamos ao comedor e aos campos do Maior. Cantos castigos houbo por romper as filas ou o silencio obrigado, cantas bromas se fixeron!!! E agora só hai un buraquiño na parede polo que poder axexar. Que quedará debaixo da rúa? algún espírito de seminarista que non acougou? Pois vemos a marca pintada de branco para poder aparcar... neso acabou parte do Seminario nun parking... no Menor e no Maior.

5/07/2008

Mala sorte cos aplausos


En xuño de 1967 (EN SEGUNDO) foi a Guerra dos seis días na que Israel conquistou a Península do Sinaí. Resulta que entón na comida do mediodía nos lían algunha noticia importante e cando escoitamos ao Padre de turno lernos que Israel vencía aos exipcios (esa mesma Israel que sempre tiña que perder na Historia Sagrada dos libros) produciuse un aplauso espontáneo de apoio aos sufridos israelitas. E vaia bronca que nos caeu ... que non se podía aplaudir a unha guerra (ademais o Réxime e a prensa da época eran ben pouco amigos de Israel). Primeiro aplauso perdido!
Un ano despois, en 1968 (EN TERCEIRO), España gaña Eurovisión coa famosa canción do La,la,la.. e volta a aplaudir porque aquelo si era merecido e durante anos a prensa e o réxime estiveron orgullosos desa magnífica vitoria. Hoxe vemos na prensa que a tal vitoria foi un tongo, vamos, que foi comprada polos xerarcas da TVE do 68. Así que segundo aplauso perdido! pero polo menos neste non levamos unha bronca.

Así está hoxe aquela zona do Seminario onde comiamos e aplaudiamos

5/06/2008

Un bo aparcamento

Se imos a Lugo que mellor sitio para aparcarmos que o Seminario, onde estivemos aparcados uns aniños. Mais fíxense no anuncio das obras e do Instituto Teolóxico Lucense! Non ven un home con barba e pelo longo... como cambiaron os tempos... coas que algúns pasamos por ter o pelo longo e agora a imaxe dos teólogos é un barbudo-melenudo. Ai, se espertase don Basilio!!! El que diría?, igual ata botaba a melingreta coma daquela que montaramos unha folga no Seminario?

5/05/2008

Obras

Para os que andan lonxe de Lugo, que vexan como está a esquina do edificio do Seminario Maior. Parece que a obra é seria, polo menos o cartel é xeitoso. O que saia desta remodelación non ha de ter que ver nada con aquela parte de atrás que nós chamabamos a palleira... e que xa entón estaba algo, algo...
Aproveitamos para saudar desde aquí aos da promoción que empezou en 1964 que seica tiveron a súa comida anual o pasado sábado, que aproveite!!!