12/10/2015

O sarxento Gorila e o cabo Long

Lembramos no xantar MTE e mais a nosa época de gloria militar en Corea. Foi no Seminario cando adolescentes, el era o cabo Long e eu o sarxento Gorila dos tebeos (logo fun ascendendo a tenente e capitán). Todo era porque el medrara algo antes ca o resto, era estirado e semellaba o tal Cabo Long o “larguirucho”. Eu era regordete e con algo de flequillo, coma o tal Gorila. Cando nos empezaron a chamar estes alcumes había dous camiños.
Un: enfadarse e tomalo a mal.
Dous: tomalo con humor e gozar da gloria de sermos importantes.
Escollemos o mellor.
Este foi un dos moitos oficios que tiven, por iso me prexubilei tan cedo! Traqueado da vida!
Na foto saímos moi ben retratados

5/09/2015

Condolencias

As nosas condolencias para a promoción do 1964 que hoxe, o día da xuntanza anual, perderon a un dos seus membros máis queridos e activos. Especialmente a quen tivo que pasar o triste momento xunto a el. Dobremente porque era ademais amigo virtual de quen goberna este blog.
Vai por ti, amigo Pablo:


4/12/2015

Comida de curas

Nun restaurante de Medina de Pomar (Burgos) este "cocido de alubias con sus sacramentos", que veñen sendo morcilla, chourizo, costela

4/03/2015

Semana Santa no Seminario

Creo lembrar que comezamos a ter as vacacións na semana seguinte. Nesa semana todo eran oficios e rezos, mesmo algúns anos iamos botar horas á catedral. Non se podía rir, non se podía cantar, todo era tristura e rezos. Se ata as radios emitían música clásica. Sempre pensei niso, co marabillosa que é moita da música clásica ... por que naqueles tempos escuros se asociaba coa morte, co loito, coa tristura?

3/20/2015

José Manuel Mato

Veñen aí as eleccións municipais e o noso compañeiro de Seminario en Lugo vai ser o alcalde máis veterano de toda Galicia

1/31/2015

Outro que se xubila

O gobernador deste blog vai cambiar de situación laboral, agora terá máis tempo para poñer cousas neste taboleiro.
Así o recolle La Voz de Galicia-Pontevedra
E a homenaxe do alumnado

1/05/2015

Ai o latinciño

Isto de adaptar o latinciño á vida diaria deu moitas anécdotas. Como ás ovellas tamén lles chamamos “pericas” a frase latina “Pericula belli sunt magna” (=os perigos da guerra son grandes) foi traducida como “las ovejas viejas son grandes” (algo así pasou na clase do Meu Curmán Maior). O Fenteira era de Cospeito e traduciu “primum locum in conspectum Caesar habebat”(=César tenía el primer lugar a la vista) por “César tenía un primo loco en Cospeito”. 
E a min mesmo na clase do Toro escapoume: “fueron muchos los pescados que cometimos y muchos los pecados que comimos” xogando mal co “s”. As risotadas aínda as estou escoitando.
Igual lle pasou a miña nai cando en Pradeda un rapaz lendo unha carta de despedida en lugar de “tu ya no me amas y yo te detesto”, como estaba moi afeito a andar con animais, leu “tu ya no mamas y yo te desteto”. 
Mais a mellor adaptación do latín ao galego era un tal de Rubián do Medio, que en paz estea, que a frase repetida na misa “et cum spirutu tuo” ( = e co teu espírito) el berraba “esperta tu ohh”.
Claro que as tradución teñen que ter sentido!
Na foto Angel Pío, Torres, Seijas, Guerra ... de pitiños

Engade Pedro J. Rovira: acórdome do “Mater tua mala burra est” (do verbo edo: A túa nai come mazás coloradas) ), de lóxica tradución estudiantil > A túa nai é unha mala burra. Máis rebuscado é o de  “Caesar cum Carthaginiensium  hostibus pugnavit et postea copias ad Romam misit”: César loitou cos cartaxinenses a hostias e envio copias postais a Roma (sería dos croques!).

1/03/2015

Chapar e chapar

Con isto das reformas, hai xente que anda a clamar polo ensino “de antes”, agora os rapaces non saben nada, din. Que va!!, nos nosos tempos todo era memorizar: ríos, provincias, montes, batallas. Entender era o que menos importaba. Lembro cando memoricei os versos de Machado 
"Una tarde parda y fría 
de invierno. Los colegiales 
estudian. Monotonía 
de lluvia en los cristales" 
Eu memorizaba versos e non entendía o que era “estudar monotonía” pero tampouco preguntei, o caso era repetir ben. 
No Seminario tiñamos solfexo, liamos as notas medindo os tempos co brazo. Moitos memorizabamos a canción repetindo as notas pero sen entender “papa” … E así o Corticeiras no exame abriu o libro nunha de Mozart e mirando para o papel cantou perfectamente outra de Bach que estaba 20 páxinas despois. Iso si que era chapar. 
Por algo en Trasar cando pensaban que alguén era moi listo dicían: tenche moita mamoria.