9/23/2008

Quen non estivo no Seminario?

A ver, quen non estivo no Seminario? Por todas partes imos topando homes que estiveron no Seminario hai anos. Uns aturamos máis tempo as misas (a foto é do Maior, coa zona da capela) e outros menos. Hoxe na TVG o popular presentador Piñeiro tamén confesaba que el estivo un ano no Seminario, aínda que sería o de Ourense, e que entón eran moitos... coma nós. A ver se este ano na reunión anual tamén hai moita xente....! Xa non falta tanto?

9/18/2008

As notas


Metíannos a todos naquela aula grande o día en que daban as notas. E don Basilio, o reitor, ía lendo en alto as notas de todos. Sempre había algo de ruxerruxe pero de vez en cando don Basilio facía un silencio e sacaba as gafas para verlle a cara a alguén... entón facíase o silencio a ver quen sería o premiado con malas notas. E don Basilio ía debullando os resultados:

-Piedad

-Disciplina

-Aplicación

-Conducta en clase

-Modales

-Aseo

Eu xa non lembro ben se eran estas as primeiras que lía, seguro que alguén por aí aínda garda o boletín de notas. E claro, suspenso en Piedad e Disciplina era algo terrible, a expulsión tan temida non anadaba lonxe e daquela non valía contarlle milongas aos pais. Os Padres controlaban todo: a relixiosidade ou piedade (comulgar, confesar, portarse na capela), o comportamento xeral (disciplina), o ser bos estudantes e chapar e levantar a man na clase (aplicación) o portarse ben nas clases estando en silencio e facendo algo a pelota (conduta en clase), o falar ben o castelán (modales) o andar cos zapatos limpos e atados (aseo). Creo lembrar que se repetía case sempre a mesma nota, excepto en modales ou aseo? onde baixaban en picado os galegofalantes.
Agora seica Berlusconi en Italia quere poñer notas de comportamento nos institutos e escolas. Que nos pague unha viaxiña a calquera de nós que lle vai de asesor.
Ah, e logo seguían as notas das materias: lingua, latín, historia... relixión (outra vez).... a de galego aínda non se inventara...
Estes da foto si que eran bos en fútbol... ata tiraron este retrato co Castiñeira

9/14/2008

Un párroco

De chegar a cura este ex-seminarista estaría encantado sendo o párroco desta igrexa da Cervela. Unha igrexa con moito mérito, moi antiga e cunha curiosa cuberta do adro (debaixo do tellado case se ve colgado un curioso aparello para levar os cadaleitos). Na Cervela o último domingo de agosto é a Santa Lucía, as andas e as imaxes cóbrense con arcos floreados cando saen á procesión e os danzantes bailan para elas unha danza moi antiga. Os da Cervela seguen conservando esta fermosa tradición que case estivo a punto de perderse por falta de mozos danzantes. Pois si que sería un pracer misar o día da festa na Cervela! (grazas ao Moncho pola foto)

9/08/2008

Pegerto

Curioso nome este de Pegerto. No noso curso o Pegerto estivo ata COU, despois en vez de aliviar as penas das almas... dedícase a aliviar en Chantada as penas dos corpos con moita dedicación e agradecemento da xente. Tamén era don Pegerto o Mordomo do Seminario. Este nome vén do sur da provincia, alá en Buciños-Carballedo, onde está o santo. En 1830 o Papa Pío VIII outórgalle a un bispo da zona o corpo do mártir San Pegerto (cinzas) topado nas catacumbas de San Calisto de Roma e un vaso con Sangue e a Lápida de pedra do sartego que ten gravado "PEGERTVUS ". E o 9 de setembro todos os anos se celebra en Buciños o san Pegerto, ao que acudían romeiros da contorna, moitos xa pasaban a noite anterior alí porque viñan da Virxe do Faro, que ó o día 8. Este santo era moi avogoso para os mozos que entraban en quintas.
E resulta que na zona moitos meniños levaban o nome de Pegerto (que moita xente pronunciaba Peguerto, e en galego seica debía ser Pexerto). Fóra da contorna o nome é descoñecido e o normal é confundilo cun apelido. Pero antes de chegarmos nós houbo no Seminario durante moitos anos un padre espiritual que formou a xeracións de curas e que se chamaba don Pegerto... e logo algúns curas foron espallando o nome polas parroquias da diocese.

9/07/2008

Un tío cura


Moitos tiñan un tío cura que exercía de padriño/protector ou fora quen animara ao rapaz a entrar no seminario. E ás veces ter un tío ben situado na curia é un seguro de ascenso. Que llo pregunten aos nosos contemporáneos do Seminario de Mondoñedo! Eles tamén sacaron un cura na promoción pero resulta que o tal viña sendo sobriño do cardeal Rouco Valera e agora xa é nada menos que bispo de Lugo. Está ben claro que ten padriño se bautiza. Unha pena que o noso don Julio non tivese un tío cardeal para poder ser bispo de Mondoñedo e devolverlles a pelota aos do norte.