9/18/2008

As notas


Metíannos a todos naquela aula grande o día en que daban as notas. E don Basilio, o reitor, ía lendo en alto as notas de todos. Sempre había algo de ruxerruxe pero de vez en cando don Basilio facía un silencio e sacaba as gafas para verlle a cara a alguén... entón facíase o silencio a ver quen sería o premiado con malas notas. E don Basilio ía debullando os resultados:

-Piedad

-Disciplina

-Aplicación

-Conducta en clase

-Modales

-Aseo

Eu xa non lembro ben se eran estas as primeiras que lía, seguro que alguén por aí aínda garda o boletín de notas. E claro, suspenso en Piedad e Disciplina era algo terrible, a expulsión tan temida non anadaba lonxe e daquela non valía contarlle milongas aos pais. Os Padres controlaban todo: a relixiosidade ou piedade (comulgar, confesar, portarse na capela), o comportamento xeral (disciplina), o ser bos estudantes e chapar e levantar a man na clase (aplicación) o portarse ben nas clases estando en silencio e facendo algo a pelota (conduta en clase), o falar ben o castelán (modales) o andar cos zapatos limpos e atados (aseo). Creo lembrar que se repetía case sempre a mesma nota, excepto en modales ou aseo? onde baixaban en picado os galegofalantes.
Agora seica Berlusconi en Italia quere poñer notas de comportamento nos institutos e escolas. Que nos pague unha viaxiña a calquera de nós que lle vai de asesor.
Ah, e logo seguían as notas das materias: lingua, latín, historia... relixión (outra vez).... a de galego aínda non se inventara...
Estes da foto si que eran bos en fútbol... ata tiraron este retrato co Castiñeira

Ningún comentario: