Grazas a Xesús R. Castro por compartir na rede esta foto histórica
12/24/2014
12/20/2014
12/14/2014
12/12/2014
A novena das ánimas
Nin “O Principiño”, nin “A illa do Tesouro”, non, as
miñas primeiras e marabillosas historias eran os “Ejemplo” que en cada día da
Novena das ánimas traía o libro de oracións da Mamá Carmen: Áncora de
salvación, Milano, 1990. Todos eran sobre o Purgatorio.
Contaba un tal Tomás de Cantimprato que un home tiña unha doenza moi moi dolorosa,
pediulle a Deus curar e El mandoulle un Anxo que lle deu a escoller antes de
entrar no Ceo entre: a) penar un ano máis de enfermidade b) tres días no
Purgatorio. Escolleu o paisano os tres días de purga. E cando xa non aturaba
máis de tantos anos de horrendo Purgatorio chamou ao Anxo e protestoulle.
Contestoulle o Alado: pediches tres días e aínda non levas un e xa pensas que
levas moitos anos. En vista da dureza do sitio, o home pediu moitos anos de
doenzas na Terra antes ca un só día de Purgatorio. Iso era o sitio ao que ían
os condenados por un simple “pecado venial”, por unha parvadiña.
Si, amigos do Facebook. Unha cativa de 7 anos por
falar na igrexa sen necesidade, a purgar. Unha irmá de San Pedro Damiano por
escoitar con gusto unha canción profana, a purgar (aínda non había YouTube!).
Un relixioso por non facer a venia de cabeza ao dicir “Gloria patri”, a purgar.
Outro por quentarse ao lume máis tempo do ordinario no inverno, a purgar. E 500
anos estivo naquel lume un pai por ter descoidado a boa educación dos seus
fillos.
Fin da parte 1.
11/14/2014
Xantar anual da promoción
Coma todos os anos hai que se xuntar un día e contar os contos atrasados.
A data, a habitual, primeiro sábado de decembro: día 6
10/11/2014
Eu tamén vin o lobo
Eu tamén vin o lobo podía ser o título dunha novela do compañeiro Pucheiro.
Miguel Anxo Murado fala hoxe de lobos en” La Voz”. Di que se
perde a fala cando un ve o lobo e que a el lle pasou.
Eu vin o lobo alá polos meus 7 anos indo un día só desde a
Cervela a Rubián de Cima buscar o correo á casa da Alicia. A uns vinte metros
enriba dun valado estaba un can grande con moito peito mirando para min. Eu
fixen o que era común nos rapaces, tirarlle unha pedra, o can nin se moveu; eu
pensei “este can é parvo” e seguín o camiño. A 200 metros estaba a Sra. Carmen,
ao verme espantouse toda: “ai, neno, e como vés ti só, que acabo de ver o lobo
aquí mesmo”. Non sei se perdín a fala ou non pero botei a correr e non parei
ata a reitoral do meu tío José. Aínda hoxe teño nítida na memoria a imaxe
daquel can con moito peito. Pero fun un valente, grazas á miña ignorancia non
lle tiven medo ao lobo!
E saúdos para os de Lugo, que aproveiten o pouco San Froilán que lles queda
10/01/2014
9/14/2014
O viño tamén reza
Non nolo ensinaron no Seminario pero o viño tamén reza (e non digamos a augardente). Mais non creo que sexa por iso o de poñer viño na misa (mellor sería sangría, non?)
Para os que non beben viño: o de "rezar" o viño dise porque as pequenas burbullas que fai cando cae na xerra ou no vaso forman como un rosario na beira do vaso. "Reza" sobre todo cando é novo e sae da cuba. E díselle a frase: "se te vas quédome, se te quedas voume", porque no bo viño as burbullas desaparecen axiña, como pasa cos viños da Ribeira Sacra do meu tío Paco e o irmán Xan.
Na augardente é ao revés: deben permanecer un pouquiño. "se quedas, quedo eu; se te vas, tamén me vou"
9/09/2014
Guerra e Paz
Hoxe abrín o Google e vexo que lembra a figura de León
Tolstoy, un dos meus escritores da adolescencia. Como ben saben os compañeiros no Seminario de Lugo o meu nome era "O Guerra" e tiven a sorte de sentar varios anos
con "Paz" (eu González Guerra, el González Paz). Cantas veces nos dixo algún
cura-profe: "salgan al encerado Guerra y Paz". O caso é que eu vin o título dun
libro: Guerra y paz, León Tolstoy. E lino E logo foron caendo outros libros do
autor. Un dos grandes.
8/30/2014
Rouco
Falan nos diarios que o bispo Rouco deixou a seu cargo
despois de moitos anos. Na TVG din que pediu el o cesamento. En El País contan que
non quería deixalo, pero o Francisco puxo a outro sen lle consultar. O caso é que nós tamén
tiñamos un Rouco no curso, que non seguiu para cura e deu un bo empresario alá
por Melide (seguro que se chega a bispo había predicar mellor có Varela). O
noso Rouco, curiosamente, si era rouco, tiña unha voz xa daquela máis grave ca
nós. Pena Rouco vén case sempre ás comidas anuais e é unha sorte sentar xunto
del porque é un moi bo conversador. Na foto o 1º á esquerda
8/19/2014
Xamón femia
Un veciño meu de Trasar, empacestea, sempre dicía “ha ser
femia” en sentido pexorativo para algún animal que non lle caía ben ou non
facía o que lle mandaban. Caso contrario a este xamón no que se valora que sexa
femia. Non lle había parecer ben ao Señor :::::
8/08/2014
Os nomes de lugar do Concello de Carballedo.
Don Nicandro Ares foi noso profesor de Filosofía no
Seminario. Hoxe é o máis importante estudoso da toponimia galega. Baseándose
nos seus traballos acaba de publicarse na rede a toponimia do Concello de
Carballedo, froito dunha colaboración entre www.osparentes.eu
e www.ogalego.eu.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)