8/14/2009

Exercicios espirituais


Polo mes de abril chegaba un dos momentos máis importantes do curso: os exercicios espirituais. Catro días de reflexión e silencio nos que chovía por nós variada lección de pecados mortais, os veniais non tiñan praza en tan importante xuntanza, relatorio de tormentos infinitos descritos con minuciosidade de ourive e xuízos finais con toda a parafernalia e o estrépito trompeteiro que merece tan apocalíptico acontecemento.Todo isto acompañado cunhas desganadas descricións da gloria celestial; desgana que non sei se viña motivada por un escaso entusiasmo a vivir nesa gloria, ou pola pouca esperanza que tiñan nas nosas capac idades para fuxir do maligno (Carlos Mella, Memorias dun ninguén, Galaxia, 2009). Isto pasaba no colexio dos xesuítas e ben que se parece ao noso Seminario!

8/06/2009

Mercurio de Emilio Alonso


Mercurio, Emilio Alonso. Xerais, 2009, 100 páxs.
Para os que andamos por fóra, que mellor xeito de ir dar unha volta por Lugo?: que ler este libro! E para os que estean na cidade, que mellor maneira para dar un paseo polo Lugo de sempre? Porque esta pequena novela é unha homenaxe a Lugo, total, xa empeza dicindo que lle gustaría comparar a nosa cidade coas inventadas por García Márquez ou Torrente Ballester. Desfilan pola narración un montón de rúas, bares, hoteis, personaxes reais e tamén cambiadas de nome (como o cura profesor de matemáticas no instituto)... El Progreso é El Adelantado... e moitas outras cousas que poderá apreciar quen lea a novela. Lese nun plis plas, ideal para unha tarde na praia se este verán alguén consegue atopar sol nas praias esas ás que na novela se di que vas os de Lugo; ou tamén para ler unha tarde xa que non se pode ir á praia. Só ten un defectiño, que o autor di que acode ás comidas de ex-alumnos do Instituto e mellor sería que acudise ás comidas de ex-seminaristas, que nas nosas comidas tamén hai escritores e policías. Por que Lugo non pode ser coma as cidades das series americanas? Cos seus crimes, narcos, chanchulleiros... Grazas a Emilio Alonso xa o é.