10/25/2012

Ribeira de Chantada

O outono era o tempo preferido de Don Ramón Otero Pedrayo "era un serán unha miga outonizo". Grazas a Televinte por esta sinfonía de cores

10/15/2012

Pedro J. Rovira: cousas do San Froilán

COUSAS DO SAN FROILÁN:
 
Con isto da xubilación, a autoestima tende a contaxiarse do estado de ánimo da sociedade nestes momentos, que sofre a grave crise zapateril ou o rescate pepero, segundo a pelaxe da vítima. Pero eu tiven a sorte de ter un amigo que sufriu antes ca min esta crise/rescate e deume a solución:
¡Non hai nada coma un bo polbo para levantar o ánimo e recuperar a autoestima!
Ademais chegoume este radical remedio no momento máis adecuado, pois un irmán meu que vive en Lugo acababa de dicirme que nas casetas de San Froilán botaban polbos do mellorciño que se coñece. E eu sei que diso coñece. Por iso, aproveitando as Festas de Lugo fun aló e dirixinme ás Costas nas que se ubican.
Fronte a unha das casetas había unha fermosa rapaza agochada tras un gran caldeiro e protexida por un parasol moi vistoso. Dirixinme a ela non sen certa vergoña, pois eu para estas cousas sempre fun moi coitado. Pregunteille polo prezo e respondeume moi desenfadada: Depende do tamaño do rabo. Notei que arroibaba, pero díxenlle moi baixiño, para que ninguén me oíra, que nin moi longo nin moi curto. Ela asintiu e preguntoume se brando ou duro. A miña cara debía parecer unha papoula. Contesteille aínda máis baixiño que tiña a esperanza de que estive duro. Mirou para min con cara de incrédula, pero seguiu preguntando: Vostede só, ou vén con alguén máis? Resposteille con voz de ofendido, que dende logo só. Logo cunha probiña chega, dixo moi segura de si. A min o da probiña pareceume pouco, pero por prudencia asentín, porque á miña idade é mellor non arriscar demasiado, non fose ser que non puidese repetir. Son nove euros máis a mesa. Díxenlle que non quería mesa, que prefería de pé. Alá vostede!
Cando crin que xa todo estaba amañado, vin que collía unhas grandes tesoiras e apuntaba hacia abaixo cara a min. Ao ver que aquilo non ía rematar ben, díxenlle que o deixase e agocheime tras uns homes que esperaban o seu turno. Mireinos compasivamente e estiven a piques de lles dicir que non perdesen o tempo, que con aquela rapaza non había modo de entenderse e marchei, nunca mellor dito, co rabo entre as pernas.
Pero xa que estaba alí, aproveitei para ir a ao pulpeiro que estaba máis afastado, para que a condenada rapaza non me vise, e collín unha ración de polbo. Metinme nunha caseta, pedín pan e unha botella de mencía e saín do recinto asubiando, o que non tiña feito nin de neno.
Cousas do San Froilán!

10/07/2012

Pena furada. José Luís Sucasas

O escritor José Luís Sucasas tamén estivo no Seminario de Lugo, outro exseminarista escritor, tamén das terras de Lalín-Agolada. Pena Furada é a súa última novela. Comeza co terremoto de 18.05.1924. Narahío das Hermidas,foi onde máis se sentiu. Os veciños viron chemineas no chan, pendellos esfandangados, paredes abarrigadas… E a casa dos Sualeiriña, que cubría os corpos sen vida de toda a familia. Agás a nena Maia.