COUSAS DO SAN FROILÁN:
Con isto da xubilación, a autoestima tende
a contaxiarse do estado de ánimo da sociedade nestes momentos, que sofre a grave
crise zapateril ou o rescate pepero, segundo a pelaxe da vítima.
Pero eu tiven a sorte de ter un amigo que sufriu antes ca
min esta crise/rescate e deume a solución:
¡Non hai nada coma un bo polbo para
levantar o ánimo e recuperar a autoestima!
Ademais chegoume este radical remedio no
momento máis adecuado, pois un irmán meu que vive en Lugo acababa de dicirme que
nas casetas de San Froilán botaban polbos do mellorciño que se coñece. E eu sei
que diso coñece. Por iso, aproveitando as Festas de Lugo fun aló e dirixinme ás
Costas nas que se ubican.
Fronte a unha das casetas había unha
fermosa rapaza agochada tras un gran caldeiro e protexida por un parasol moi
vistoso. Dirixinme a ela non sen certa vergoña, pois eu para estas cousas sempre
fun moi coitado. Pregunteille polo prezo e respondeume moi desenfadada: Depende
do tamaño do rabo. Notei que arroibaba, pero díxenlle moi baixiño, para que
ninguén me oíra, que nin moi longo nin moi curto. Ela asintiu e preguntoume se
brando ou duro. A miña cara debía parecer unha papoula. Contesteille aínda máis
baixiño que tiña a esperanza de que estive duro. Mirou para min con cara de
incrédula, pero seguiu preguntando: Vostede só, ou vén con alguén máis?
Resposteille con voz de ofendido, que dende logo só. Logo cunha probiña chega,
dixo moi segura de si. A min o da probiña pareceume pouco, pero por prudencia
asentín, porque á miña idade é mellor non arriscar demasiado, non fose ser que
non puidese repetir. Son nove euros máis a mesa. Díxenlle que non quería mesa,
que prefería de pé. Alá vostede!
Cando crin que xa todo estaba amañado, vin que
collía unhas grandes tesoiras e apuntaba hacia abaixo cara a min. Ao ver que
aquilo non ía rematar ben, díxenlle que o deixase e agocheime tras uns homes que
esperaban o seu turno. Mireinos compasivamente e estiven a piques de lles dicir
que non perdesen o tempo, que con aquela rapaza non había modo de entenderse e
marchei, nunca mellor dito, co rabo entre as pernas.
Pero xa que estaba alí,
aproveitei para ir a ao pulpeiro que estaba máis afastado, para que a condenada
rapaza non me vise, e collín unha ración de polbo. Metinme nunha caseta, pedín
pan e unha botella de mencía e saín do recinto asubiando, o que non tiña feito
nin de neno.
Cousas do San Froilán!
Ningún comentario:
Publicar un comentario