12/23/2008

Agasallo de Nadal

Hoxe non hai foto, non fai falta. Porque Quintana nos dedica a todos nada menos ca un poema. Gocemos con el:

OS AMIGOS VELLOS

Do outro lado do espello,

onde non hai tempo,

onde non hai días para contar:

tal vez resida o paraíso.


Tal vez os desexos

non sexan necesarios,

nin a satisfacción

que dá un regreso.


Tal vez non exista esquecemento,

E as lembranzas

non poidan sorprendernos,

coma os cativos.


Do outro lado do espello,

onde as mans son mornas,

como de escuma celestial

e paxaros de neve:


tal vez os amigos

sexan centenares

e os apartes, para durmir

coma unha pedra.


Tal vez non sexa necesario

que un viño tenro,

unha fin de semana de decembro,

nos achegue á guerra fugaz

dos quince anos.


Aquí abaixo, moi abaixo,

onde a terra doe

e as sombras morren

cada noite de inverno.


Non existe outra vacina

contra os golpes canallas,

que a presenza tenaz

dos Amigos vellos.

XL FERREIRO


12/22/2008

Vacacións de nadal


Polo día de hoxe (ou onte) acostumabamos a marchar ben contentos para pasar uns días coas nosas familias. Enchiamos os autobuses que partían de Lugo. Xa daquela o señor José Lobelle (hoxe dá nome a un equipo de fútbol sala dos mellores) fretaba un Land Rover para levar a xente da Barrela e arredores. Cando por estas datas algún levaba o colchón era sinal de que fora convidado a deixar o Seminario porque o seu comportamento non era axeitado para conservar a vocación.
O Seminarista en Lugo desde 1966 deséxalles a todos os visitantes deste blogue (teñan ou non que ver co Seminario) que pasen as festas o mellor posible. Polo menos tan ben como o pasou este Seminarista na comida do día 6 tan ben acompañado polo poder espiritual (Padre Doval) e o terreal (Alcalde Taboda).

12/20/2008

Vista aérea

Aquí están os Seminarios vistos desde o ceo hai uns poucos anos cando estaban en obras para faceren os edificios sobre a nosa paseada horta. Agora tamén se poden ver no Google Earth


12/18/2008

Que comiamos no Seminario?

Para algúns a comida era moi mala e sobrevivían co matute prohibido que lles mandaba a familia. Outros din que comían mellor ca na súa casa, que a mostra era que sobraba o pan ás veces e logo non repoñían ata que se comían os codelos duros. Coma en tantas cousas cada quen ten a súa versión. O que está claro é o que di o noso compañeiro hoxe no Xornal, que a xente ten dereito a saber o que come. O Taboada sempre foi un dos máis listos do curso e asiduo naqueles títulos que cada ano entregaban aos mellores expedientes. Sabe o que di.

12/13/2008

Moita conversa o día 6. Vese que Cuñarro e Comeiro tiñan os contos atrasados. E Taboada E. algo lle estaba a dicir ao de enfrente.

12/09/2008

O xefe da mesa no xantar

Non hai dúbida ningunha de que é o xefe da mesa, foi quen convocou, quen veu de lonxe, quen estaba feliz pola vitoria de Obama, quen pronunciou o brindis o día 6, que lembrou que para o ano é o día 5, quen avisou que hai que ir pensando no cincuentenario do 2016 se os achaques nos deixan. Sobra poñer o nome ( e mesmo o alcume), todos o sabemos.

12/08/2008

Entrega de cds

No xantar do día 6 Penalonga trouxo CDs de fotos para todos, aquí está entregándollo a Méndez Costa (gran porteiro, como Iríbar). Así que cando haxa tempo iremos poñendo aquí algunha desas fotos. Estean atentos!


12/06/2008

Excelente xantar

Velaquí as caras de satisfacción dos ex-seminaristas de 1966 cando xantaron no Manuel Manuel hoxe sábado 6 de decembro. Contos, conversas, bromas, lembranzas, como anda este e aquel, que foi de fulanito, quen demo será este desta foto... tantas cousas! E erguemos as copas de cava para brindarmos por presentes e ausentes e o Jaime dixo o de yes, we can en honor ao seu novo presidente que todos agardan con ilusión. Aos postres Penalonga (merece un monumento o rapaz) agasallounos a todos con CDs de fotos. O primeiro en marchar é cada ano o padre Julio que sempre ten unha misa (previamente retrasada para poder vir). Jaime xa nos deixou convocados para o día 5 de decembro do ano que vén. Non se pode latar.

12/03/2008

Sábado, sábado...

Se hai algún dos compañerios que aínda non se anotou para a comida do sábado que non deixe pasar o tempo, que se anote xa. Que non se vai arrepentir, que o imos pasar moi ben pois temos moitos contos atrasados. Os que foron o ano pasado xa pasou un ano, o resto aínda temos máis que escoitar, que nos imos facendo vellos e veñen achaques e doenzas e logo xa nolo saca o médico. Se os americanos fixeran estudos verían que as comidas de ex-seminarista son beneficiosas para quen teña problemas co colesterol, co azucre, coa tensión, coas transaminasas... que para comer Lugo