1/25/2009

A miña amiga Tareixa envíame esta foto de como era o Seminario no que nós vivimos. Este e moitos outros edificios emblemáticos da cidade despareceron e no seu lugar están arestora pisos e máis pisos: o Gran Teatro... E agora seica ata perigan as costas que hai xunto ao Parque no que tantas horas botabamos os seminaristas mirando (os que eramos de Chantada, Taboada, Carballedo...) a estrada que levaba ás nosas casas. Alguén lembra para que servía esa porta de ferro? Eu nunca a vin aberta.


1/18/2009

Libramos da sotana por pouco

Pouco nos faltou, serían 2 anos?, para termos que participar nesta cerimonia na que o señor bispo impoñía a sotana. Alí ían os seminaristas acompañados das súas mamás que facían de madriñas. Velaquí temos a un dous anos maior ca nós, meu irmán Bernardino, de xeonllos diante de Don Antonio Ona de Echave. Eles pronto deixaron xa de levar sotana. Tiveron sorte.
E alguén lembra o nome dese crego con gafas? a que soa? E o outro sen gafas e de branco?

1/05/2009

Israel


Que pouco cambiou o mundo!!! En xuño de 1967 (EN SEGUNDO) foi a Guerra dos seis días na que Israel conquistou a Península do Sinaí. Resulta que entón na comida do mediodía nos lían algunha noticia importante e cando escoitamos ao Padre de turno lernos que Israel vencía aos exipcios (esa mesma Israel que sempre tiña que perder na Historia Sagrada dos libros) produciuse un aplauso espontáneo de apoio aos sufridos israelitas. E vaia bronca que nos caeu ... que non se podía aplaudir a unha guerra (xa contado noutra entrada!). Pois aí segue Israel estes días. Este machado que figura nun museo ben pode simbolizar as ganas de matar dos humanos desde aqueles nosos heroes da historia sagrada, non cambiamos nada, tal e como nos ensinaba en Historia Jaime Delgado!

1/01/2009

Os que seguiron despois de COU

Só foron tres os que quedaron no noso curso despois da última espantada ao acabar COU. E menos mal que un dos tres mantivo a representación do curso na orde sacerdotal. Pois os que chegaron adiante e os que aínda lles gusta a filosofía ou a teoloxía poden gozar cunha novela ambientada no Seminario de Ourense, na época actual e nos últimos cursos antes de recibir as ordes sacerdotais. O título é Conexión Tubinga, o autor Alberto Canal, a editorial Xerais, e está do trinque, acaba de ser publicada. Nestas festas de Reis que a merquen ou atopen quen llela regale. Seguro que a van ler toda seguida; hai intriga, filosofía, curas, bispos, teólogos... (e ata algunha moza?). (Blog do autor)