10/25/2009

Ona de Echave




Pablo Vidal envíanos unhas fotos moi bonitas de Lugo alá polo 1973. E tamén outra dunha visita do noso bispo a San Clodio. Don Antonio Ona de Echave, aquel navarro que aburría ata as ovellas cos seus predicotes. Unha vez que foi de visita a un lugar de Carballedo (e presidiu un xantar homenaxe a un crego) un patrón, moi relixioxo el, saíu queixándose: vou farto de tanto rezar. Como fartos quedamos moitos nalgunhas misas da Catedral cando predicaba su Ilustrísima don Antonio Ona de Echave. A verdade é que tampouco atendiamos moito. Graciñas de novo, Pablo!


10/21/2009

Saúdos á promoción de 1964


Graciñas a Pablo Vidal González por nos enviar fotos da súa promoción de dous anos antes ca nós. Como eran dous anos máis vellos sempre servían de exemplo. Eran boa xente e non nos embarcaban as vinchas aos Maristas cando chegamos de pitos. Máis aínda porque algúns tiñamos recomendación cos dese curso por ter un irmán, Bernardino. Moitos anos despois coincidín no traballo tamén con Sucasas. A verdade é que pouco máis vellos estades ca nós... ou case igual de novos. Pablo tamén promete algunhas fotos antigas.

10/18/2009

Unha lorcha

Cantos castigos sufrimos por falar galego no Seminario! Ben picadas que levou a tarxeta famosa! Por sorte xurdiu o efecto contrario e moitos daqueles estabamos hoxe en Santiago na grandísima manifestación para defender o queremos galego. Falando en Compostela con outro ex-seminarista lugués, Benigno González, lembraba el esa palabra galega que tanto usabamos e que non vén no dicionario Xerais coa nosa acepción: unha lorcha. Lembraba Benigno a frase: dunha lorcha embarquei a vincha do pito aos Maristas (dun patadón mandeille o balón ao novato aos Maristas, tradución para os que tiveron a sorte/desgraza -escoller cadaquén o que queira- de non seren seminaristas). E aínda hai que di calquera tempo pasado foi mellor, será por iso que os nosos gobernantes queren que volvamos a aqueles tempos pasados no noso querido/odiado Seminario???????????
E de onde virá a palabriña? Igual ten que ver con lorcho -zapato grande e desaxeitado-. Alguén sabe se se utilizaba lorchán e que significado tiña?

10/04/2009

Concertos na Horta do Seminario




03/10/2009, 21.00, Concerto de ARRYTHMIA, LASTWAY, FEW DAYS LATER na praza Horta do Seminario. Así comezan as festas do San Froilán este ano. Ben que cambiou aquela horta na que paseabamos e nos fixemos un ano unha morea de fotos. Habería onte algún seminarista da nosa promoción no concerto?

10/01/2009

San Froilán e mazás asadas

Xa chega o San Froilán, cando a xente que ía cara á Feira non collía por esta porta. Era época de empezar os cursos no Seminario. E de visitar o Campo da Feira cheíño de chigres. Un ano, debeu ser por quinto ou sexto, uns cantos (enchufados?) fomos convidados a entrar unha semana antes que o resto. O motivo era axudar a colocar cousas e arranxar cuartos para cando viñeran os demais. Ata lembro que nos diexaran escoller cuarto. O problema era que como estaba Lugo co San Froilán os nosos petos xa estaban baleiros de pesetas o primeiro día do curso, ao acabar esa semana. O mellor eran aquelas mazás asadas que nos daban de sobremesa, aínda lembro o seu recendo!