2/25/2008

A sotana

Non ten cara porque nós non levamos sotana.

O noso debeu ser o segundo curso que no Seminario xa non chegou a poñer sotana. despois de tantísimos anos con rapazolos ensotanados e nós nada. Agora non temos fotos para mostrar ás amizades con tal orixinal uniforme!!! Non sei se alguén se fixo algunha foto de lembranza coa sotana dalgún amigo máis vello? Nin mandilón ao principio nin sotana logo, fomos seminaristas de terceira. Quedamos sen aquela festa que vimos nos maiores: viñan os pais e facíase unha grande cerimonia. E desde entón a levar a sotana para se preparar para cura doutros tempos coa súa sotana, dulleta e tella. Porque vaia se tiña importancia a sotana! Lembran cando veu o circo da Ciudad de los Muchachos e antes chegou o Padre Silva a darnos unha charla. E vaia escándalo que se armou entre algúns curas porque nin sotana traía, que exemplo para nós!!! Se polo menos trouxera o alzacuellos!

Había que ver os do Maior, que non podían nin sacar a sotana para xogar nos recreos e atábana á cintura. E que guapos ían naquelas ringleiras de ensotanados cando saiamos de paseo polo Parque: sotana e bonete de cor azul. E nós cos nosos pantalóns normais, menos aquel ano que un superiror nos uniformara de calzón curto igual a todos os pequenos.


2/18/2008

e para comer, Lugo

Velaquí aqueles muros do campo de fútbol, do outro lado estaba o mundo (cos seus perigos). Este equipo era de primeira, todos excelentes xogadores. algún deles aínda anda por Lugo. Se todos os primeiros sábados de nadal aínda seguimos xantando xuntos é grazas a un grupiño de compañeiros de Lugo que sacan tempo para organizar, chamar por primiera e segunda vez, xuntar fotos, dar noticias deste e daquel... Vicente, Fernández, Penalonga, Doval... e ... e... (co adestrador Jaime ao lonxe) forman un equipo de primeira e conseguen moito público cada ano alá xunto a onde estaba Frigsa. Por certo, quen será o mirón que se coou entre Villaravid e Taboada?
Entrando en Lugo había carteis que poñían "y para comer Lugo" por iso os seminaristas que empezaron no 66 o queren comprobar cada ano.

2/16/2008

ora pro nobis

Ora pro nobis... así dicían as ladaíñas de tanto rosario como alí rezabamos. Meu pai que non tiña estudos sabía as ladaíñas en latín. Eu que estudei latín non as dicía en latín, que as diciamos en castelán. E por que non en galego que era a lingua que falabamos a maioría? Vaia guerra a que había contra o galego que non era lingua fina para un sacerdote. Nada de falar en galego para as clases, rezar...! e tamén se meteron en que non se podía falar en galego entre nós. E houbo aquel ano famoso das cartolinas con cadrados... e cada falta un cadrado que caía... e ao acabar os cadrados xa todo estaba perdido!! E resulta que falar en galego cun compañeiro era falta e mesmo se fomentaba que os acusicas (e espías) fosen co conto: "padre, Pérez está hablando e gallego con López" e viña o padre armado cun cortauñas e alá vai outro cadradiño máis! Menos mal que a campaña acabou fracasando porque bastantes sobriños de curas e enchufados e bos estudantes acababan caendo pillados in fraganti co galego e tamén porque moitos non fixeron caso (tres urras polos da Fonsagrada!!!!). Mais depois daquelas manobras moita xente se preguntaba por que tiña unha nota tan baixa en modales/aseo (mesmo tendo boa nota en piedad /disciplina /aplicación /conducta en clase). Pois resulta que era por falaren en galego que como non era lingua fina, ía en contra do aseo e modales dun futuro padre ... pois iso.
Menos mal que nos concertos do Círculo das Artes nos últimos anos a Schola Cantorum xa remataba (outra vez o Castiñeira) co himno galego e había seminaristas que se preguntaban por que ao final da sala no público había uns señores maiores que se poñían de pé emocionados.

2/12/2008

Expulsados


Cantos destes acabarían expulsados! Porque aínda foron moitos os que tiveron que marchar de vacacións levando o colchón (xa se sabía deste estigma: expulsado) porque se lles dixera que era mellor que non volvesen. E aínda por enriba a tradición era que na familia non o tomasen moi ben.
Coma un antepasado que chegou á casa dicindo que non se afacía no Seminario e quería deixalo, seu pai xa o levou ese mesmo día a rozar nos toxos e o mozo cambiou de opinión.
Ou aquel veciño que tendo un fillo no Seminario, cando o rapaz tería 14 ou 15 anos, namorouse dunha moza, e díxolle ao pai que quería plantar do Seminario e “roubarse” coa moza e embarcar para Buenos Aires. Ao pai non lle chistou moito o asunto porque pensaba que o fillo viviría mellor de cura que casado coa tal. Para ver de lle quitar o vezo do corpo, o veciño acordou levar con el ao rapaz ás casas onde ía traballar. Parece ser que o pai cargaba ao fillo cuns feixes de herba verde grandísimos... e á señora da casa, aquelo dos feixes tan grandes non lle pareceu ben e así llo dixo ao pai. A resposta deste foi: “Fágolle esto, señora, porque coido que, aplicándolle distes canavuchos, non lle ha dar para andar tan pronto ao boi” (é dicir -comparando cun becerro-: fágolle isto porque dándolle destas malas espigas pronto vai peder o celo)
Homenaxe a todos os rebeldes e expulsados.

2/09/2008

Curso 1972-1973

Velaquí os últimos valentes que chegaron a COU. Viviron unha experiencia única. Residían no Maior e asistían a clases como alumnos oficiais no Instituto Masculino ao outro lado da rúa. Eran tempos de cambio (coma na serie da tv Cuéntame). Eles mesmos nomearon por votación un encargado de curso que controlaba e anotaba as incidencias, tiñan unha liberdade non vista dentro daquelas paredes nunca. Había unha excelente relación entre eles e pasábano pipa. Pero esqueceron regar a flor da vocación sacerdotal -angúns xa andaban máis preocupados polas mozas- e... só quedaron tres no ano seguinte e ademais marcharon de Lugo... foron estudar lonxe e o Seminario quedou baleiro de alumnos que empezaron en 1966...

2/01/2008

Melena e fronte despexada

Hoxe moitos adolescentes nas cidades deixan o pelo que lles tape os ollos. Nós tiñamos as melenas que as circunstancias permitían pero coa fronte despexada. O pelo longo do cuarto pola esquerda da primeira fileira foi todo un acontecemento no Seminario. Tivo que soportar as recriminacións e reproches de case todos os padres. Pero aquel valente rapaz ¿de Triacastela? soubo manter o tipo e a rebeldía e foi exemplo para todos nós aínda que non nos atrevésemos a tanto pelo e tan ben coidado coma el.
De fondo está a caraterística arquitectura do Seminario Maior. Que anos despois vimos no case desaparecido Balneario da Ferraría do Incio, seica foi o mesmo arquitecto.