12/12/2014

A novena das ánimas



Nin “O Principiño”, nin “A illa do Tesouro”, non, as miñas primeiras e marabillosas historias eran os “Ejemplo” que en cada día da Novena das ánimas traía o libro de oracións da Mamá Carmen: Áncora de salvación, Milano, 1990. Todos eran sobre o Purgatorio. Contaba un tal Tomás de Cantimprato que un home tiña unha doenza moi moi dolorosa, pediulle a Deus curar e El mandoulle un Anxo que lle deu a escoller antes de entrar no Ceo entre: a) penar un ano máis de enfermidade b) tres días no Purgatorio. Escolleu o paisano os tres días de purga. E cando xa non aturaba máis de tantos anos de horrendo Purgatorio chamou ao Anxo e protestoulle. Contestoulle o Alado: pediches tres días e aínda non levas un e xa pensas que levas moitos anos. En vista da dureza do sitio, o home pediu moitos anos de doenzas na Terra antes ca un só día de Purgatorio. Iso era o sitio ao que ían os condenados por un simple “pecado venial”, por unha parvadiña.
Si, amigos do Facebook. Unha cativa de 7 anos por falar na igrexa sen necesidade, a purgar. Unha irmá de San Pedro Damiano por escoitar con gusto unha canción profana, a purgar (aínda non había YouTube!). Un relixioso por non facer a venia de cabeza ao dicir “Gloria patri”, a purgar. Outro por quentarse ao lume máis tempo do ordinario no inverno, a purgar. E 500 anos estivo naquel lume un pai por ter descoidado a boa educación dos seus fillos.
Fin da parte 1.

Ningún comentario: