1/05/2015

Ai o latinciño

Isto de adaptar o latinciño á vida diaria deu moitas anécdotas. Como ás ovellas tamén lles chamamos “pericas” a frase latina “Pericula belli sunt magna” (=os perigos da guerra son grandes) foi traducida como “las ovejas viejas son grandes” (algo así pasou na clase do Meu Curmán Maior). O Fenteira era de Cospeito e traduciu “primum locum in conspectum Caesar habebat”(=César tenía el primer lugar a la vista) por “César tenía un primo loco en Cospeito”. 
E a min mesmo na clase do Toro escapoume: “fueron muchos los pescados que cometimos y muchos los pecados que comimos” xogando mal co “s”. As risotadas aínda as estou escoitando.
Igual lle pasou a miña nai cando en Pradeda un rapaz lendo unha carta de despedida en lugar de “tu ya no me amas y yo te detesto”, como estaba moi afeito a andar con animais, leu “tu ya no mamas y yo te desteto”. 
Mais a mellor adaptación do latín ao galego era un tal de Rubián do Medio, que en paz estea, que a frase repetida na misa “et cum spirutu tuo” ( = e co teu espírito) el berraba “esperta tu ohh”.
Claro que as tradución teñen que ter sentido!
Na foto Angel Pío, Torres, Seijas, Guerra ... de pitiños

Engade Pedro J. Rovira: acórdome do “Mater tua mala burra est” (do verbo edo: A túa nai come mazás coloradas) ), de lóxica tradución estudiantil > A túa nai é unha mala burra. Máis rebuscado é o de  “Caesar cum Carthaginiensium  hostibus pugnavit et postea copias ad Romam misit”: César loitou cos cartaxinenses a hostias e envio copias postais a Roma (sería dos croques!).

1 comentario:

GGuerra dixo...

NOITE DE REIS



Hoxe en Ribeira houbo cabalgata.

Como cada ano, a miña muller e máis eu buscamos un bo lugar para presenciala. Disfrutamos coa ledicia dos nenos, que non dan creto a poder ver tan preto deles as Súas Maxestades.

Cando pasaron os Reis Magros –este ano o concello esmerouse na súa selección- ante nos, unha chuvia de caramelos caeu aos nosos pés.

Instintivamente tireime ao chan a recoller polo menos un, pero o que colleu a miña man foi outra man que fora máis rápida. Erguín a cabeza e vin ante min os ollos máis tristes que nunca vira.

Unha muller nova pedíame perdón.

- Disculpe, pero son para poñérllelos aos meus fillos nos zapatos esta noite.

Algo se me rachou dentro de min. O Espírito do Nadal este ano tardou en chegar, pero nese momento sentino como poucas veces o sentira.

Como movido por unha forza que xa quixese na clase de pilates, as miñas mans parecían aspas que varrían o chan ante a mirada atónita de moitos e as protestas iradas de non menos.

En poucos minutos os meus petos semellaban aqueles tarros multicolores que había nos ultramarinos e que tanto cuspe me tiña producido a súa contemplación cando era neno.

Cando llos entreguei a aquela pobre nai, o seu sorriso deixoume sen palabras.

Busquei á miña muller e díxenlle que unhas muxicas se me meteran nos ollos e que tiñamos que volver á casa para lavar a cara.

No peto aínda levaba un daqueles caramelos.

Cando o meu neto sexa maior, será o meu mellor regalo de Reis para el.



Pedro Jeroma