5/06/2008

Un bo aparcamento

Se imos a Lugo que mellor sitio para aparcarmos que o Seminario, onde estivemos aparcados uns aniños. Mais fíxense no anuncio das obras e do Instituto Teolóxico Lucense! Non ven un home con barba e pelo longo... como cambiaron os tempos... coas que algúns pasamos por ter o pelo longo e agora a imaxe dos teólogos é un barbudo-melenudo. Ai, se espertase don Basilio!!! El que diría?, igual ata botaba a melingreta coma daquela que montaramos unha folga no Seminario?

5/05/2008

Obras

Para os que andan lonxe de Lugo, que vexan como está a esquina do edificio do Seminario Maior. Parece que a obra é seria, polo menos o cartel é xeitoso. O que saia desta remodelación non ha de ter que ver nada con aquela parte de atrás que nós chamabamos a palleira... e que xa entón estaba algo, algo...
Aproveitamos para saudar desde aquí aos da promoción que empezou en 1964 que seica tiveron a súa comida anual o pasado sábado, que aproveite!!!

4/16/2008

Castiñeira

Este home marcou a nosa época. Vivimos o grande cambio de Don Basilio ao Castiñeira. Que home adiantado aos tempos... non hai máis que lembrar aquelas marabillosas audicións de música clásica ... e para que nos entrase mellor enchía os intermedios cos contos do mestre Gila. O Castiñeira deulle pulo á Scholla Cantorum, cantas viaxes, cantos caramelos, cantas boas lembranzas para os que pasaron por ela. Acabouna corvertendo nunha orquestra con saxofón, guitarrra, etc. En 1971 foi nomeado reitor do Seminario, andariamos por 5º ou 6º? ata que foi cesado en 1981. Morreu en 1989.
Para saber máis del Galicia dixital

4/13/2008

Rugby

A maioría das fotos que temos daqueles tempos están relacionadas co deporte. Coma esta na que tres destacados reciben unhas medallas. Por que sería? Que gañarían? O máis normal era algo de fútbol. Pero houbo outros deportes. Cama cando chegou aquel señor con acento estranxerio e se montou un espectacular campionato de rugby no que participamos todos. De pronto o rugby pasou a ser o deporte do Seminario. Ah, pero como neste xogo hai que empurrar, tirar, bloquear... pois reconvertérono nun xogo sen violencia. O balón era o típico de rugby, non se podía pasar o balón cara adiante... pero cada un de nós levaba un pano colgado por detrás no pantalón curto... e para deter o xogo, para bloquear había que lle coller o pano ao xogador contrario... e creo que foi tamén daquela cando daban coca-cola a todos os participantes. Non o pasamos mal co invento, pero pouco durou e volvemos as de sempre... o balón redondo de toda a vida.

4/04/2008

Xeados no Parque

Así están hoxe moitas plantas no noso país. O día foi de calor e quentou ben. Cando chegaba este tempo e iamos de paseo, cantas veces fomos ao Parque!! E claro, coa calor que ben entraban os xeados daquel carriño branco! O problema é que case sempre había que facer cola porque eramos moitos a comprar. Pero un día descubrín que quen estaba ao cargo do carriño dos xeados era un veciño meu, da mesma parroquia, que me viu, chomou e serviume un riquísimo xeado saltándome unha ben longa cola. Que importante me sentín aquel día, nin un ministro de Franco podería saltarse aquela apretada cola! Pero eu si.

3/28/2008

O Catecismo

Estabamos destinados a ser os pastores que gobernasen os rabaños de crentes na diocese de Lugo polo que debiamos saber o libro máis importante, aquel que todo o mundo tiña que saber para facer a primeira comunión, o Catecismo.
Que nos lembra hoxe? A ver cantos eran os sacramentos e cales? a que non acorda? (bautismo, confirmación, penitencia, eucaristía, unción de enfermos, orde sacerdotal e matrimonio). Ben nos lembra que os pecados capitais eran 7, pero cales? (soberbia, avareza, luxuria, ira, gula, envexa e preguiza). E, claro, contra os sete pecados tería que haber sete virtudes que viñan sendo..... (humildade, xenerosidade, castidade, paciencia, templanza, caridade e dilixencia). A que non che acordaba que a dilixencia era unha virtude... só che acordaban as dilixencias das películas de vaqueiros... Ai, esa memoria como anda! Porque claro, por suposto que todos lembramos os 10 mandamentos, faltaría máis??????? O sexto, por exemplo

(1: Amarás a Deus sobre todas as cousas
2:Non tomarás o nome de Deus en van
3:Santificarás as festas
4:Honrarás a teu pai e a túa nai
5:Non matarás
6:Non cometerás actos impuros
7:Non furtarás
8:Non dirás falso testemuño nin mentirás
9:Non consentirás pensamentos nin desexos impuros
10:Non cobizarás os bens alleos)

Anda, resulta que o noveno tamén existía... penseches que estaba no sexto!?

3/18/2008

19 de marzo día do Seminario

O día de San José era tamén o día do Seminario, día de festa. Moitos tiñan a sorte de poderen saír por Lugo adiante toda a mañá a pedir axudas coma se fose o Domund. E todos tiñan a oportunidade de comer de festa, unha comida que nin se podían imaxinar o resto do ano. E ata houbo un ano en que veu o mesmísimo bispo en persoa?
E por que o día de San José? Aquí conta a historia a Conferencia episcopal...
E este ano como coincide a festa co mércores de Semana Santa seica se trasladou a festa ao pasado día nove... tempos!!!

3/12/2008

Semana Santa




Cando nós empezamos a ter vacacións de Semana Santa era na semana seguinte porque a Semana Santa era para quedar en Lugo e asistir a todos os oficios; nos últimos anos xa na Catedral. O bo era que non había clase, o malo... que un se aburría un montón con tantas horas de capela/catedral. Os que lle daban ben ao canto, eses tiñan traballo dobre. ..
Lembro que había unha procesión con moita sona (a da Virxe da Esperanza) que pasaba entre os dous Seminarios porque ía ata o cárcere a resgatar un preso ... e ían vestidos de verde e sempre desfilaban e tocaban os mariñeiros de Ferrol.
Diso si que librabamos nós de desfilarmos....