11/23/2009

Outra foto dos de 1964



A promoción de 1964 reúnese en Pontevedra no 2005. Fixo de anfitrión o noso amigo Sucasas, anque había máis compañeiros vivindo e traballando na zona

11/22/2009

Foto de hai anos

Xa hai uns cantos anos -cantos?- que os ex-seminaristas e o Sr. cura volveron á capela do Maior para concelebrar...

11/09/2009

Presentación de Mercurio

Deste libro xa falamos aquí varias veces. Agora preséntase en Lugo, estades convidados todos os lectores do blog de parte de Emilio Alonso:

O IES LUCUS AUGUSTI
e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
comprácense en convidalo/a á presentación do libro:

Mercurio
de Emilio Alonso
Premio La Voz de Galicia 2008

O acto, que contará coa participación de Manuel Bragado
e Emilio Alonso, terá lugar o mércores, 11 de novembro,
ás 20,00 horas no Salón de Actos do IES Lucus Augusti,
Avda Rodríguez Mourelo, s/nº de Lugo.

11/04/2009

Para os do Madrid e os do Barça



Para os que teñen boa memoria, velaquí a alineación do Real Madrid 1964-1965: Araquistain, Betancourt, Isidro, Santamaría, Miera, Muller, Zoco, Amancio, F. Ruiz, Grosso, Puskas, Gento.

E a do Barça, no que xogaba un tal Seminario: Sadurní, Pesudo, Foncho, Olivella, Berges, Garay, Fusté, Zaballa, Pereda, Zaldúa, Seminario, Re.

10/25/2009

Ona de Echave




Pablo Vidal envíanos unhas fotos moi bonitas de Lugo alá polo 1973. E tamén outra dunha visita do noso bispo a San Clodio. Don Antonio Ona de Echave, aquel navarro que aburría ata as ovellas cos seus predicotes. Unha vez que foi de visita a un lugar de Carballedo (e presidiu un xantar homenaxe a un crego) un patrón, moi relixioxo el, saíu queixándose: vou farto de tanto rezar. Como fartos quedamos moitos nalgunhas misas da Catedral cando predicaba su Ilustrísima don Antonio Ona de Echave. A verdade é que tampouco atendiamos moito. Graciñas de novo, Pablo!


10/21/2009

Saúdos á promoción de 1964


Graciñas a Pablo Vidal González por nos enviar fotos da súa promoción de dous anos antes ca nós. Como eran dous anos máis vellos sempre servían de exemplo. Eran boa xente e non nos embarcaban as vinchas aos Maristas cando chegamos de pitos. Máis aínda porque algúns tiñamos recomendación cos dese curso por ter un irmán, Bernardino. Moitos anos despois coincidín no traballo tamén con Sucasas. A verdade é que pouco máis vellos estades ca nós... ou case igual de novos. Pablo tamén promete algunhas fotos antigas.

10/18/2009

Unha lorcha

Cantos castigos sufrimos por falar galego no Seminario! Ben picadas que levou a tarxeta famosa! Por sorte xurdiu o efecto contrario e moitos daqueles estabamos hoxe en Santiago na grandísima manifestación para defender o queremos galego. Falando en Compostela con outro ex-seminarista lugués, Benigno González, lembraba el esa palabra galega que tanto usabamos e que non vén no dicionario Xerais coa nosa acepción: unha lorcha. Lembraba Benigno a frase: dunha lorcha embarquei a vincha do pito aos Maristas (dun patadón mandeille o balón ao novato aos Maristas, tradución para os que tiveron a sorte/desgraza -escoller cadaquén o que queira- de non seren seminaristas). E aínda hai que di calquera tempo pasado foi mellor, será por iso que os nosos gobernantes queren que volvamos a aqueles tempos pasados no noso querido/odiado Seminario???????????
E de onde virá a palabriña? Igual ten que ver con lorcho -zapato grande e desaxeitado-. Alguén sabe se se utilizaba lorchán e que significado tiña?

10/04/2009

Concertos na Horta do Seminario




03/10/2009, 21.00, Concerto de ARRYTHMIA, LASTWAY, FEW DAYS LATER na praza Horta do Seminario. Así comezan as festas do San Froilán este ano. Ben que cambiou aquela horta na que paseabamos e nos fixemos un ano unha morea de fotos. Habería onte algún seminarista da nosa promoción no concerto?