10/11/2014

Eu tamén vin o lobo

Eu tamén vin o lobo podía ser o título dunha novela do compañeiro Pucheiro.

Miguel Anxo Murado fala hoxe de lobos en” La Voz”. Di que se perde a fala cando un ve o lobo e que a el lle pasou.

Eu vin o lobo alá polos meus 7 anos indo un día só desde a Cervela a Rubián de Cima buscar o correo á casa da Alicia. A uns vinte metros enriba dun valado estaba un can grande con moito peito mirando para min. Eu fixen o que era común nos rapaces, tirarlle unha pedra, o can nin se moveu; eu pensei “este can é parvo” e seguín o camiño. A 200 metros estaba a Sra. Carmen, ao verme espantouse toda: “ai, neno, e como vés ti só, que acabo de ver o lobo aquí mesmo”. Non sei se perdín a fala ou non pero botei a correr e non parei ata a reitoral do meu tío José. Aínda hoxe teño nítida na memoria a imaxe daquel can con moito peito. Pero fun un valente, grazas á miña ignorancia non lle tiven medo ao lobo!
E saúdos para os de Lugo, que aproveiten o pouco San Froilán que lles queda

9/14/2014

O viño tamén reza

Non nolo ensinaron no Seminario pero o viño tamén reza (e non digamos a augardente). Mais non creo que sexa por iso o de poñer viño na misa (mellor sería sangría, non?)
Para os que non beben viño: o de "rezar" o viño dise porque as pequenas burbullas que fai cando cae na xerra ou no vaso forman como un rosario na beira do vaso. "Reza" sobre todo cando é novo e sae da cuba. E díselle a frase: "se te vas quédome, se te quedas voume", porque no bo viño as burbullas desaparecen axiña, como pasa cos viños da Ribeira Sacra do meu tío Paco e o irmán Xan.
Na augardente é ao revés: deben permanecer un pouquiño. "se quedas, quedo eu; se te vas, tamén me vou"

9/09/2014

Guerra e Paz



Hoxe abrín o Google e vexo que lembra a figura de León Tolstoy, un dos meus escritores da adolescencia. Como ben saben os compañeiros no Seminario de Lugo o meu nome era "O Guerra" e tiven a sorte de sentar varios anos con "Paz" (eu González Guerra, el González Paz). Cantas veces nos dixo algún cura-profe: "salgan al encerado Guerra y Paz". O caso é que eu vin o título dun libro: Guerra y paz, León Tolstoy. E lino E logo foron caendo outros libros do autor. Un dos grandes.

8/30/2014

Rouco



 Falan nos diarios que o bispo Rouco deixou a seu cargo despois de moitos anos. Na TVG din que pediu el o cesamento. En El País contan que non quería deixalo, pero o Francisco puxo a outro sen lle consultar. O caso é que nós tamén tiñamos un Rouco no curso, que non seguiu para cura e deu un bo empresario alá por Melide (seguro que se chega a bispo había predicar mellor có Varela). O noso Rouco, curiosamente, si era rouco, tiña unha voz xa daquela máis grave ca nós. Pena Rouco vén case sempre ás comidas anuais e é unha sorte sentar xunto del porque é un moi bo conversador. Na foto o 1º á esquerda

8/19/2014

Xamón femia



Un veciño meu de Trasar, empacestea, sempre dicía “ha ser femia” en sentido pexorativo para algún animal que non lle caía ben ou non facía o que lle mandaban. Caso contrario a este xamón no que se valora que sexa femia. Non lle había parecer ben ao Señor :::::

8/08/2014

Os nomes de lugar do Concello de Carballedo.




Don Nicandro Ares foi noso profesor de Filosofía no Seminario. Hoxe é o máis importante estudoso da toponimia galega. Baseándose nos seus traballos acaba de publicarse na rede a toponimia do Concello de Carballedo, froito dunha colaboración entre www.osparentes.eu e www.ogalego.eu.