9/09/2010

Non hai nada coma o licor café

Collido da Voz de Galicia de hoxe:
O Carballiño: Licor café en misa de once
O párroco de Seoane, no Carballiño, suprimiu a consagración ao percibir no cáliz os efluvios do bagazo no canto dos do viño
O viño de consagrar da misa do pasado domingo na parroquia carballiñesa de Seoane transformouse en licor café. Non foi, con todo, un milagre nin houbo ningún tipo de intercesión divina no feito, senón, ao parecer, unha simple confusión do sancristán.
Polo menos esta é a explicación facilitada polo párroco, Emilio Viéitez, que atende varias parroquias da zona -as de Piteira, Longoseiros e tamén a de Santa Uxía de Lobás- e que chegou a Seoane ás 10.45 horas, como todos os domingos. O sacerdote, que cualifica o suceso como «unha pequena anécdota», decatouse de que non había viño para a celebración, polo que pediu ao sancristán, como el mesmo recoñece, que trouxese viño da súa casa para podelo consagrar con normalidade. Encargo que este cumpriu con celeridade, aínda que non como era de esperar. E é que ao chegar o momento da consagración, o párroco detectou polo cheiro que o que contiña o cáliz era licor café e non o elixir de Baco. O bo olfacto de Emilio Viéitez evitou entón o ritual da consagración e continuou co desenvolvemento eucarístico habitual, bendicindo só o pan, sen advertir aos fieis do incidente.
Moitos deles, a maioría, non só non se deron conta dese cambio no rito tradicional relixioso, senón que descoñecían o sucedido aínda no día de onte ao verse sorprendidos polas preguntas de La Voz sobre o cambio na bebida. Outros se decataron da omisión, aínda que non souberon a que achacala. Fixeron, iso si, suposicións en familia sobre se sería un esquecemento do cura, se se confundiu con auga... pero nunca creron que se produciu unha especie de milagre de Caná e que o viño mudase en licor de negro café. Ao final todo foi máis sinxelo e reduciuse a unha confusión do sancristán que o párroco atribúe á súa avanzada idade
.

Ningún comentario: