Nesta puza das hortas de Trasar de Carballo (foto de hoxe) moita roupiña de seminarista se lavou. Houbo un tempo que no lugar había uns 8 rapaces no Seminario. Metiamos a roupa suxa nunha bolsa, metíanse logo as bolsas noutro saco grande. O Machote levaba o saco á Directa. Os nosos pais turnábanse para recoller o saco na Barrela. As roupiñas lavábanse nesta puza. Xa secas volvían ás bolsas. Das bolsas ao saco, nova quenda para as levar á Directa. E nós recolliamos a roupa lavadiña na Portería. Toda unha industria. Ah, e no medio da roupa ás veces as mamás mandaban algún matute, unhas letras de agarimo. Todo cumpría.
Ben seguro que mentres as nosas nais lavaban tamén contaban algún conto ou criticaban a algunha ausente. Se estas pedras falaran!
Ningún comentario:
Publicar un comentario