1/12/2013

Viva a Kultura!!!



Nunha das redondillas ripiosas da miña Réplica a Setembro de 1956 dicía:
A gramática aprendida
é a base do saber,
e por non a coñecer
hai tanto burro na vida.
Pois onte mesmo, no programa de Tele 5 Atrapa un millón comprobei o acertado deste axioma.
Concursaban dous rapaces andaluces e un deles xactábase de ser licenciado en filosofía e estar a preparar un Máster, para despois facer o doutorado.
A pregunta era:
- Quen desempeñaba o cargo de gobernador en cada unha das provincias romanas en Hispania: Os escravos, os pretores ou os tribunos?
Con bo criterio - asombroso! - descartan a opción dos escravos. Pero dubidan entre pretores ou tribunos.
E aí é onde o filósofo ve a súa grande oportunidade para lucirse:
- Pretores non, porque vén de petra, pedra (sic). Menos mal que non se trataba de determinar o significado da función conativa!
O outro rapaz, máis cauto, dubida, polo que optan por repartir os cartos que lles quedaban, pero colocando máis cantidade na opción non pétrea. Craso erro.
A min entón ocorréuseme pensar que tería acontecido se calquera de nós tivésemos ousado propoñer tal aberración etimolóxica a don Teolíndo ou a don José Fernández, por exemplo. Creo que a pedrada na cabeza a teriamos merecida por burricáns.
Pero claro, o primeiro que habería que saber é se este émulo de Platón en caló aprendeu algunha vez de que vai iso da etimoloxía.
Recoméndovos o programa en cuestión. Asegúrovos que é un antídoto eficaz contra calquera complexo que en materia de cultura xeral puidésedes ter.
 Unha aperta. Pedro J. Rovira

1 comentario:

GGuerra dixo...

Grazas, Quinta do 57, quedan vostedes incorporados á marxe dereita deste blog na parte de recomendados