5/24/2010

Santiago ou Prisciliano?


Tiñamos un profesor no Seminario que nos contaba que era imposible que Santiago estivese enterrado en Compostela, que historicamente non se sostiña o Xacobeo. Tamén hai quen di que o soterrado alí é Prisciliano. O que sexa, hai que deixalo así, non imos desmontar agora todo o negocio do Xacobeo.
Pero si podemos coñecer mellor a historia de Prisciliano da man de Victorino Pérez Prieto: Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, Ed. Galaxia:
- Estamos en ano Xacobeo e aínda se mantén a confrontación Santiago versus Prisciliano. Probabelmente os ósos de Prisciliano non estean enterrados en Compostela pero dende logo é imposíbel que sexan os do Apóstolo, porque a súa presenza aquí historicamente non se sostén. Prisciliano foi venerado en Galiza até o século VI e a historia Xacobea comeza no século VIII. O camiño que fixeron os seus seguidores traendo o cadáver dende Alemaña coincide coa actual ruta Xacobea francesa.
-Foi un home reprimido por ser libre ao igual que os irmandiños, os mártires de Carral e todos os que loitaron porque Galiza fose pobo de seu, ademais de mobilizador dun cristianismo lexitimamente galego. O cristianismo en Galiza debe beber da realidade do pobo, non só participar da súa lingua senón tamén da súa realidade antropolóxica. Se Prisciliano prendeu foi porque conectou con eses substratos que quería un cristianismo máis seu.
-As intrigas dos bispos antipriscilianistas conseguiron que Clemente Máximo o condenase a morte en Tréveris, lonxe da Gallaecia onde pasara toda a súa vida. Resulta rechamante que o movemento creado por este home, que puido ter pasado desapercibido como outros herexes, permaneceu vivo 200 anos despois da súa morte e que 1600 anos despois se segue reivindicando.

5/18/2010

En galego!

Manifestación de Santiago o 17 de maio de 1010

A igrexa ten unha débeda histórica con Galiza, porque dada a súa forza no país, colaborou a soterrar un idioma e unha cultura, que se mantiveron vivos grazas aos labregos e mariñeiros... Non só deslixitimou a súa misión cristiá, agora mesmo segue a recuar, sen colaborar coma institución a esta hora de "plenitude" que está a enxergar o país. Ata rabenando o seu futuro, pois non escoita a voz e a fala do pobo, desoíndo a súa participación activa, nun autismo propiciado por bispos e clero. (Alfonso Blanco Torrado, p.12)
Alicia López Pardo (p. 18) conta as súas experiencias de mestra nos Ancares. Un rapaz conta na revista da escola: tivemos unha mestra na nosa escola (non digo quen) que por cada palabra que diciamos en galego tiñamos que lle dar unha peseta. E un día díxolle un neno: ai, señorita, esa lección xa a demos. E ela respondeulle: "demos" sois vosotros y vuestros padres. (p. 20)... Son os ensinantes que saben da importancia decisiva da estimulación temperá para o desenvolvemento dunha ampla capacidade lingüística, para facilitar a aprendizaxe de diferentes idiomas. Saben a fondo de canto se lles enriquece aos nenos castelán parlantes co natural desenvolvemento no idioma galego a partir dos primeiros anos. Só dende esta apertura se pode acadar a competencia bilingüe e favorecer un amplo dominio doutros idiomas...
Retrincos tomados de:
Quequedequenoconte. Nº 4. Panfleto de testemuña e defensa do mundo rural galego (que a amiga Alicia nos regalou na manifestación)

4/27/2010

4/21/2010

Os paseos


Moitos paseos demos. Saïamos de tres en fondo? Cantos xeados pillamos no Parque mirando aquel mapa de España en relevo cuns ríos que nunca levaban auga. Mais tamén polos arredores, pola Tolda, cara ao Rato, cara á Palloza... Seguro que se fose hoxe tiñamos que facer etapas do camiño de Santiago, que entón non estaba tanto de moda e pelengrín aínda era un insulto. Cantos exseminaristas non farán este ano o camiño mesmo desde Roncesvalles e poderán ver este fermoso Cristo en Puente La Reina.

4/04/2010

O Castiñeira


Xa lle dedicaramos outra entrada a don José Castiñeira Pardo. Mais acabamos de pasar por Lugo e alí na Horta do Seminario topamos con este busto que nos alegrou o día. Aquel home aberto, dialogante, culto, amigo da música, que trouxo o Seminario desde a Idade Media ata o Século XX!!! Como vería el esta Igrexa de hoxe envolta en escándalos e tan pouco adaptada aos tempos modernos? Volvería para a cova? Mandaría a súa adhesión a Roma?

4/01/2010

Vivir coma un cura

O outro día falabamos da escaseza de vocacións nos seminarios de hoxe. Por iso as campañas son chamativas, coma a desta foto que nos mandan desde Estella-Lizarra no Camiño de Santiago