3/19/2012

Día de San Xosé, por Paco Martín


UN BO ARTIGO DE PACO MARTÍN EN EL PROGRESO PARA CELEBRAR O DÍA:
19/03/2012 - Paco Martín (Lugo). El Progreso. Auga Lizgaira. San Xosé
ERA UN FRADE, non sei de que orde, pequeno de estatura e máis ben delgado, cos ollos negros e moi vivos e nariz de boxeador. Nós estabamos xogando ao fútbol e el detivérase no seu paseo e quedara por tras dunha das porterías -dúas pedras no chan a seis pasos de distancia unha da outra- atendendo ao xogo con aires de entendido. Era día santo, estaba boa tarde, un dos nosos marcou daquela un gol, co que íamos gañando por dous a cero e o frade aplaudiu mentres ía meténdose no que poderiamos chamar terreo de xogo -a porción de prado da beira do río que había entre as dúas porterías- até quedar no medio e medio. Nós ollámonos uns aos outros sen sabermos moi ben que facer. Eramos nove: catro dun lado, os máis maiores, e cinco do outro. O propietario da pelota -que era tamén quen decidía cando era penalti e quen debía tiralo-- colleuna coa man, apoiouna no cadril e foise chegando a onde o home estaba, o que fixo que todos acabaramos, expectantes, arredor del. O frade pediu o balón, deulle un par de toques con non demasiado xeito e preguntou se o deixabamos xogar. Falaba castelán e tratábanos de vostede aínda que o máis vello de nós non pasaba dos trece anos. Quedamos agardando a ver que dicía o Suso, que na súa condición de amo da pelota era o único con capacidade para decidir en cuestión tan transcendente, pero este non abriu a boca.
O home preguntou se é que pensabamos que xa era vello para xogar canda nós. Outra vez o silencio. Insistiu preguntando se sabiamos que día era aquel. Contestamos todos ao tempo: San Xosé. «Pois ben -dixo- Sabedes cantos anos tiña San Xosé cando naceu Xesús?». Ollou ao arredor e, cun amplo sorriso, case berrou: «Noventa e nove!». A min -e supoño que tamén aos demais- veume de contado á cabeza o da fuxida a Exipto e, aínda que non era quen de calculalo cun mínimo de precisión, imaxinaba a enorme distancia que tiveron que percorrer -o home a pé-, os moitos traballos que despois houberon pasar e, tendo en conta que quen nolo dicía non era calquera, non é de estrañar que a miña simpatía polo pai putativo de Cristo acadase desde aquela as máis elevadas cotas.
A verdade é que nunca volvín a oír tal e que, se cadra, aquilo non fora senón un modo de nos convencer para que o deixásemos xogar. E deixámolo. Non era moi bo, iso é certo, mais non se lle podía negar un considerable interese, obstaculizado sempre polas saias do hábito do que non se quixo desprender. Marchou suado e alasando, pero satisfeito despois de que, con disimulo, se lle deixase meter un gol.
E, penso eu, ben o merecera.

Ningún comentario: