3/30/2013

Roubarse por amor

Na nosa zona chantadina existía esta especie de bula ou saída que aínda se facía na mocidade de meus pais. Resulta que cando a familia non deixaba a unha moza casar co mozo que ela quería podían roubarse. Primeiro tiñan que dar cun familiar ou amigo que fose persoa respectada e os acollese na casa. Logo o mozo ía buscala e levábaa á casa acordada onde quedaba baixo a protección da persoa que os acollía. Deste xeito a honra da rapaza non sufría e o amor vencía. Ás veces e visto o roubo a familia accedía, daba o consentimento e había casamento. Outras seguían sen querer saber nada dos roubados e tiñan que marchar fóra. Pero sempre casaban porque ao roubárense xa era para sempre.
Meus avós paternos acolleron na súa casa-adega d´Oleiros a unha moza de Cotarelo que se roubou cun mozo de Santa Mariña. E logo no casamento meus avós foros os padriños. O mozo sempre lle chamou "madriña" á avoa.
Por eses anos tamén se roubou unha de Lulaíños cun de Trasar e como a foi buscar nunha besta fixéronlle esta copla: "Bendita sea la yegua que los transportó a los dos, andarán en herraduras, irán al reino de Dios".
No conto do noso admirado Ánxel Fole Os defuntos falaban castelao, pasa algo diso cando os mozos quedan citados no cemiterio para casaren xa, aínda que non é o roubarse da miña terra.

Ningún comentario: