O CISNE
Paquito Dylan é un cisne que doou ao pobo de Belesar o meu benquerido amigo
Pepe Rebolo. Coa súa impúdica exhibición de corpo belido fai as delicias dos
visitantes que cada vez en maior número veñen gozar deste lugar paradisíaco na
ribeira de Diomondi regada polo Pai Miño. Tras el, respectando a distancia súrica, nada humilde a súa parella, que
por mor do noxento machismo císnico non se coñece no pobo por máis nome que o
de “a femia”.
Despois de disfrutar na Abacería O
Batuxo rexentada por Marco, verdadeiro druída de Baco, dun exquisito xantar,
regado cun mencía dos viñedos que circundan o lugar, sentei a contemplar dende
o seu mirador o río que maxestoso se estendía aos meus pés.
Paquito miroume altivo, esperando
cobrar o tributo debido á súa beleza natural. Tireille un anaquiño de pan de
millo, que el displicente colleu da auga con toda parsimonia. Pero de súbito
dirixiu os seus ollos de divo cara arriba.
Un neno en cadeira de rodas, dende a
estrada, esforzábase en atraer cara a el a súa atención movendo frenético os
seus braciños esbrancuxados.
Paquito ten corazón de pallaso. Por
iso pasou de min e do meu millo e dedicoulle ao neno unha sesión de voos
acrobáticos que desataron unha sonora gargallada neste. A súa risa era tan
contaxiosa, que sen darme nin conta eu tamén estaba a rir coma un parvo.
- Mamá, mamá, lévame xunto ao cisne. Non ves
que quere xogar comigo? –díxolle á nai coma se en iso lle fose a vida.
A nai mirouno cos seus ollos
resecos, pois de tanto chorar xa non lle quedaban bágoas. Non era posible.
Trinta insuperables chanzos inclinados facían de barreira infranqueable entre a
estrada e o pantalán ao que Paquito se subira esgotado polo seu maratoniano
exercicio circense.
O neno botouse a chorar. Non eran os
berros finxidos dun neno contrariado. Non. Eran os saloucos calados de quen
está afeito a sufrir.
Ao ver a súa anguria, sentinme mal de estar disfrutando de aquilo que
estaba vedado para el. Pechei os ollos e un regueiro de amargas lágrimas
comezaron a correr pola miña faciana. Ao chegar ao chan, estas lágrimas foron
crecendo e crecendo ata converterse nun gran cachón que con grande estrépito
caía ao río.
Non daba creto ao que estaba a pasar. O nivel do río medraba e medraba e o
pantalán semellaba unha táboa de surf na que Paquito facía mil e un equilibrio
para non caer.
A auga subiu un, dous, tres, vinte
metros. O neno vía cada vez máis preto del o cisne dos seus soños. Un metro
máis e o pantalán quedou varado na mesma estrada, ao lado da cadeira de rodas.
Con andares de pasarela de alto
standing, Paquito foise acercando ao neno que o esperaba cos brazos abertos.
A cara do neno arroibou ata pórse coma a grana. Inutilmente tentou poñerse
de pé e avanzar ao seu encontro.
O cisne apurou o seu paso para non alongar a súa impaciencia de poder
tocalo e facerlle os máis tenros aloumiños. Os brazos do neno rodearon o seu
corpo e el posou o seu longo colo no seu ombreiro.
Sentín non ser un bo pintor para deixar recollido no lenzo aquela xenuína
estampa da felicidade.
- Mamá, mamá, quéreme!
Mira como me quere!
Sen explicarse de onde viñan, dúas
bágoas azuis correron de novo polas meixelas da nai.
A voz de Marco tróuxome de novo á
realidade. Preguntoume se me gustara a comida. Díxenlle que si. Que todo estaba
moi bo e que o viño era inmellorable.
- Alégrome que che
gustara. É da colleita de hai dous anos, que foi a mellor e chegou a 14º de
gradación. É unha serie limitada que reservo para os amigos e que ten por nome O lagar dos soños.
Pedro
J. Rovira
Ningún comentario:
Publicar un comentario