3/19/2009

San José, Día do Seminario

Así somos agora despois de comer ben no Manuel Manuel. Tamén se comía ben daquela o Día do Seminario que entón era o 19, día de San José (ese santo que se dicía hoxe na radio que casou cunha muller cun fillo de solteira, vaia, vaia). E tamén se podía andar por Lugo adiante pedindo para a causa. Era un bo día este de San José, o pai putativo (Pepe, que non pepé) de Xesús.

2/23/2009

Ás duchas!



De que ano sería este equipazo, seguro que gañou algo cando se fixo esta foto. Podería ser de 3º?. E despois á ducha!. Menos mal que nos últimos anos xa estaban máis á man as duchas. Nos primeiros cursos só tocaba ducha cada semana? cada dúas semanas? A memoria falla. Había que ir en pantalón de deportes. O padre daba un pitido e entraba un grupo, ao pitido seguinte saía o grupo e entraba outro; o padre comprobaba o pelo dos saíntes para ver ser se se lavaran ou non. Había quen facía trampa e só mollaba o pelo. Seguía cheirando a suor.
E claro, ata terceiro non houbo calefacción. Entrabamos despois do recreo cheirando a adolescente, o cura abría as ventás "prefiero morir congelado a morir ahogado" naquelas mañás de néboa e frío. E nós batiamos os dentes mentres debullabamos declinacións.

2/04/2009

O tío cura

Moitos de nós tiñamos un tío cura, que fora o que nos preparara para o exame de ingreso e aquel a quen nós debiamos imitar, tamén supuña en moitos casos unha boa recomendación no trato cos curas. Eu tiven varios tíos curas. Un deles era o meu padriño, un bo home. Comprobouse o sábado 31-1-09 no Incio cunha homenaxe póstuma na que estiveron o Presidente da Deputación e o Vicario. Ata lle puxeron un busto xunto á fermosa igrexa do Hospital do Incio. Non me podo queixar de que meus pais non me desen un excelente padriño.
Quen queira saber da súa vida, mire anxo.info

1/25/2009

A miña amiga Tareixa envíame esta foto de como era o Seminario no que nós vivimos. Este e moitos outros edificios emblemáticos da cidade despareceron e no seu lugar están arestora pisos e máis pisos: o Gran Teatro... E agora seica ata perigan as costas que hai xunto ao Parque no que tantas horas botabamos os seminaristas mirando (os que eramos de Chantada, Taboada, Carballedo...) a estrada que levaba ás nosas casas. Alguén lembra para que servía esa porta de ferro? Eu nunca a vin aberta.


1/18/2009

Libramos da sotana por pouco

Pouco nos faltou, serían 2 anos?, para termos que participar nesta cerimonia na que o señor bispo impoñía a sotana. Alí ían os seminaristas acompañados das súas mamás que facían de madriñas. Velaquí temos a un dous anos maior ca nós, meu irmán Bernardino, de xeonllos diante de Don Antonio Ona de Echave. Eles pronto deixaron xa de levar sotana. Tiveron sorte.
E alguén lembra o nome dese crego con gafas? a que soa? E o outro sen gafas e de branco?

1/05/2009

Israel


Que pouco cambiou o mundo!!! En xuño de 1967 (EN SEGUNDO) foi a Guerra dos seis días na que Israel conquistou a Península do Sinaí. Resulta que entón na comida do mediodía nos lían algunha noticia importante e cando escoitamos ao Padre de turno lernos que Israel vencía aos exipcios (esa mesma Israel que sempre tiña que perder na Historia Sagrada dos libros) produciuse un aplauso espontáneo de apoio aos sufridos israelitas. E vaia bronca que nos caeu ... que non se podía aplaudir a unha guerra (xa contado noutra entrada!). Pois aí segue Israel estes días. Este machado que figura nun museo ben pode simbolizar as ganas de matar dos humanos desde aqueles nosos heroes da historia sagrada, non cambiamos nada, tal e como nos ensinaba en Historia Jaime Delgado!

1/01/2009

Os que seguiron despois de COU

Só foron tres os que quedaron no noso curso despois da última espantada ao acabar COU. E menos mal que un dos tres mantivo a representación do curso na orde sacerdotal. Pois os que chegaron adiante e os que aínda lles gusta a filosofía ou a teoloxía poden gozar cunha novela ambientada no Seminario de Ourense, na época actual e nos últimos cursos antes de recibir as ordes sacerdotais. O título é Conexión Tubinga, o autor Alberto Canal, a editorial Xerais, e está do trinque, acaba de ser publicada. Nestas festas de Reis que a merquen ou atopen quen llela regale. Seguro que a van ler toda seguida; hai intriga, filosofía, curas, bispos, teólogos... (e ata algunha moza?). (Blog do autor)