10/18/2009

Unha lorcha

Cantos castigos sufrimos por falar galego no Seminario! Ben picadas que levou a tarxeta famosa! Por sorte xurdiu o efecto contrario e moitos daqueles estabamos hoxe en Santiago na grandísima manifestación para defender o queremos galego. Falando en Compostela con outro ex-seminarista lugués, Benigno González, lembraba el esa palabra galega que tanto usabamos e que non vén no dicionario Xerais coa nosa acepción: unha lorcha. Lembraba Benigno a frase: dunha lorcha embarquei a vincha do pito aos Maristas (dun patadón mandeille o balón ao novato aos Maristas, tradución para os que tiveron a sorte/desgraza -escoller cadaquén o que queira- de non seren seminaristas). E aínda hai que di calquera tempo pasado foi mellor, será por iso que os nosos gobernantes queren que volvamos a aqueles tempos pasados no noso querido/odiado Seminario???????????
E de onde virá a palabriña? Igual ten que ver con lorcho -zapato grande e desaxeitado-. Alguén sabe se se utilizaba lorchán e que significado tiña?

10/04/2009

Concertos na Horta do Seminario




03/10/2009, 21.00, Concerto de ARRYTHMIA, LASTWAY, FEW DAYS LATER na praza Horta do Seminario. Así comezan as festas do San Froilán este ano. Ben que cambiou aquela horta na que paseabamos e nos fixemos un ano unha morea de fotos. Habería onte algún seminarista da nosa promoción no concerto?

10/01/2009

San Froilán e mazás asadas

Xa chega o San Froilán, cando a xente que ía cara á Feira non collía por esta porta. Era época de empezar os cursos no Seminario. E de visitar o Campo da Feira cheíño de chigres. Un ano, debeu ser por quinto ou sexto, uns cantos (enchufados?) fomos convidados a entrar unha semana antes que o resto. O motivo era axudar a colocar cousas e arranxar cuartos para cando viñeran os demais. Ata lembro que nos diexaran escoller cuarto. O problema era que como estaba Lugo co San Froilán os nosos petos xa estaban baleiros de pesetas o primeiro día do curso, ao acabar esa semana. O mellor eran aquelas mazás asadas que nos daban de sobremesa, aínda lembro o seu recendo!

9/25/2009

Outra vez Mercurio

Emilio Alonso presentou hoxe en Vigo Mercurio. E alá foi este ex-seminarista convidado polo autor a quen coñecía grazas a este blog. Falou moi ben Emilio e contounos un conto dun chinés que era porteiro dun prostíbulo e non sabía ler nin escribir. Logo chegou a rico comerciante e moitas cousas máis.
Dise que o que se herda non se compra. Así resulta neste caso... Emilio Alonso herdou a arte de ben utilizar a palabra de seu pai Xesús Alonso Montero. Varios do noso curso tivemos a sorte de ter a don Xesús de profesor: chegaba, poñía o esquema no encerado (que copiabamos) e logo falaba el e nós escoitabamos, non podiamos copiar, só escoitar. E abríanos novos mundos coas súas palabras, coas de Rosalía e Machado.

Por iso nos agradou saudar o antigo profesor Alonso e escoitar o novo novelista Alonso. E virmos cun libro dedicado, claro.

8/14/2009

Exercicios espirituais


Polo mes de abril chegaba un dos momentos máis importantes do curso: os exercicios espirituais. Catro días de reflexión e silencio nos que chovía por nós variada lección de pecados mortais, os veniais non tiñan praza en tan importante xuntanza, relatorio de tormentos infinitos descritos con minuciosidade de ourive e xuízos finais con toda a parafernalia e o estrépito trompeteiro que merece tan apocalíptico acontecemento.Todo isto acompañado cunhas desganadas descricións da gloria celestial; desgana que non sei se viña motivada por un escaso entusiasmo a vivir nesa gloria, ou pola pouca esperanza que tiñan nas nosas capac idades para fuxir do maligno (Carlos Mella, Memorias dun ninguén, Galaxia, 2009). Isto pasaba no colexio dos xesuítas e ben que se parece ao noso Seminario!

8/06/2009

Mercurio de Emilio Alonso


Mercurio, Emilio Alonso. Xerais, 2009, 100 páxs.
Para os que andamos por fóra, que mellor xeito de ir dar unha volta por Lugo?: que ler este libro! E para os que estean na cidade, que mellor maneira para dar un paseo polo Lugo de sempre? Porque esta pequena novela é unha homenaxe a Lugo, total, xa empeza dicindo que lle gustaría comparar a nosa cidade coas inventadas por García Márquez ou Torrente Ballester. Desfilan pola narración un montón de rúas, bares, hoteis, personaxes reais e tamén cambiadas de nome (como o cura profesor de matemáticas no instituto)... El Progreso é El Adelantado... e moitas outras cousas que poderá apreciar quen lea a novela. Lese nun plis plas, ideal para unha tarde na praia se este verán alguén consegue atopar sol nas praias esas ás que na novela se di que vas os de Lugo; ou tamén para ler unha tarde xa que non se pode ir á praia. Só ten un defectiño, que o autor di que acode ás comidas de ex-alumnos do Instituto e mellor sería que acudise ás comidas de ex-seminaristas, que nas nosas comidas tamén hai escritores e policías. Por que Lugo non pode ser coma as cidades das series americanas? Cos seus crimes, narcos, chanchulleiros... Grazas a Emilio Alonso xa o é.

6/12/2009

Ovidio Valín

Enche toda unha páxina da edición galega de El País de hoxe. Valín sempe foi un gran deportista no Seminario e se cadra aínda o segue sendo. Vemos na foto que como non puido disfrazarse con sotana preferiu facelo de romano. E que ben lle queda a espada. Saúdos Ovidio!