10/05/2010

San Froilán

Hoxe é o día do San Froilán. Polo día 7 arriba ou abaixo era cando entrabamos no Seminario para empezar o novo curso. Quen dera vover a aqueles tempos para ser máis novo. E camiñar por Lugo a ver se un se topaba con Pelúdez e a señora Filomena. O que non se sabe é se Peludeciño non estaría tamén no Seminario algún curso. Ben seguro que si.

9/09/2010

Non hai nada coma o licor café

Collido da Voz de Galicia de hoxe:
O Carballiño: Licor café en misa de once
O párroco de Seoane, no Carballiño, suprimiu a consagración ao percibir no cáliz os efluvios do bagazo no canto dos do viño
O viño de consagrar da misa do pasado domingo na parroquia carballiñesa de Seoane transformouse en licor café. Non foi, con todo, un milagre nin houbo ningún tipo de intercesión divina no feito, senón, ao parecer, unha simple confusión do sancristán.
Polo menos esta é a explicación facilitada polo párroco, Emilio Viéitez, que atende varias parroquias da zona -as de Piteira, Longoseiros e tamén a de Santa Uxía de Lobás- e que chegou a Seoane ás 10.45 horas, como todos os domingos. O sacerdote, que cualifica o suceso como «unha pequena anécdota», decatouse de que non había viño para a celebración, polo que pediu ao sancristán, como el mesmo recoñece, que trouxese viño da súa casa para podelo consagrar con normalidade. Encargo que este cumpriu con celeridade, aínda que non como era de esperar. E é que ao chegar o momento da consagración, o párroco detectou polo cheiro que o que contiña o cáliz era licor café e non o elixir de Baco. O bo olfacto de Emilio Viéitez evitou entón o ritual da consagración e continuou co desenvolvemento eucarístico habitual, bendicindo só o pan, sen advertir aos fieis do incidente.
Moitos deles, a maioría, non só non se deron conta dese cambio no rito tradicional relixioso, senón que descoñecían o sucedido aínda no día de onte ao verse sorprendidos polas preguntas de La Voz sobre o cambio na bebida. Outros se decataron da omisión, aínda que non souberon a que achacala. Fixeron, iso si, suposicións en familia sobre se sería un esquecemento do cura, se se confundiu con auga... pero nunca creron que se produciu unha especie de milagre de Caná e que o viño mudase en licor de negro café. Ao final todo foi máis sinxelo e reduciuse a unha confusión do sancristán que o párroco atribúe á súa avanzada idade
.

8/12/2010

Nomes de vacas

Dulleta
Capa
Casulla
Son algúns dos nomes que a SCG Os Parentes lles puxo ás súas vacas. Vese que son sobriños de curas

8/04/2010

O moderno Castiñeira

Falando hoxe nunha praia en Bueu lembrabamos cando o Castiñeira levou o coro de seminaristas a cantar pola provincia, ata un concerto nunha discoteca na Telleira, preto de Chantada. Tempos aqueles!

7/18/2010

Xornal, 18-7-2010

Xornal de Galicia: na edición de papel do domingo 18, suplemento Contexto, páxinas 5 a 7, recóllense estes fragmentos:

O fútbol era unha das escasas distraccións dos seminaristas. Así o asegura Anxo Guerra, quen xestiona o blog Seminarista en Lugo desde 1966. “A vida no internado era dura o que forxaba moitas amizades e tamén ás veces algúns sufrían as continuas burlas dos compañeiros en casos que hoxe serían considerados como acoso. Mais eran outros tempos., declara.

A pesar de toda a escuridade que envolve os seminarios, os que pasaron por eles sempre se buscan. “Case todas as xeracións de seminaristas de Lugo celebran anualmente unha comida onde lembran as anécdotas dos tempos pasados. Para moitos foi un trauma a vida de interno e non queren aínda saber nada daquel sitio onde case todo estaba prohibido, mesmo ler o Marca. Aínda que o fútbol era a válvula de escape. Xogando e como afeccionados aos grandes equipos españois”, recorda.

6/23/2010

Reeditado o libro do Pucheiro


O 1 de agosto de 2008 publicabamos unha entrada: xa somos unha novela. Era a novela do Pucheiro (compañeiro Afonso Eiré): Amigos sempre. Ese libro non se atopaba xa nas librarías. Mais agora volve ser editado por A Nosa Terra. Temos a oportunidade de lelo nunha edición mellorada. E máis agora que o tema dos Seminarios e colexios de curas está na picota en todo o mundo, escándalo tras escándalo. Agochouse moito tempo, pero saltou e agora é o que hai.
Fáganse con el, mérqueno. E que os lectores (as) do blog opinen sobre o libro e os temas que se tocan.